Linguas

A pasada semana, xoves 5 e venres 6, celebramos en Lisboa o 3º Encontro do programa Romaninet, unha iniciativa pioneira para o ensino básico da lingua propia da comunidade xitana a través de Internet. O caso do Romaní resulta paradigmático porque unha comunidade cultural espallada por todo o mundo (nomeadamente por Europa), fragmentada por países, confesións relixiosas e querencias polas diferentes culturas locais coas que conviven, non pode vivir só dun hino e unha bandeira que teñen corenta anos de vida e son identificados por unha minoría culta e militante. A comunidade, para poder subsistir e proxectarse de cara ao futuro, precisa dunha lingua propia, aínda que nada máis sexa ritual: unha koiné na que entenderse e coa que identificarse a pesar do pluralismo que é inherente e irreversible para o pobo xitano.
Hoxe, máis que nunca, a cultura Romaní está ameazada. Non tanto pola proibición ou pola persecución, como no pasado; máis ben pola deficiente transmisión ás xeracións máis novas. Maior apertura social, comezando polos medios de comunicación de masas, especialmente a televisión, pero crecentemente tamén internet, supón unha maior presenza das linguas maioritarias e unha menor presenza das linguas comunitarias. Ademais, a comunicación social de masas fomenta a sensación de inutilidade da propia lingua, o auto-odio e a auto-censura. Se a iso lle engadimos os efectos, certamente positivos, pero fortemente homoxeneizadores, da escolarización obrigatoria, temos pintado o panorama común das linguas que esmorecen e das que morren: a irrelevancia política e cultural leva á desaparición rápida da diversidade lingüística. Nas próximas décadas e ata mediados de século asistiremos a unha perda de diversidade só comparable ao deterioro da biodiversidade. Non hai que dicir que ambos procesos son paralelos e mesmo se retroalimentan mutuamente. Os nichos ecolóxicos que habita a especie humana vanse reducindo, e as respostas adaptativas simplificando. A perda de diversidade cultural é unha consecuencia da perda da biodiversidade dos ecosistemas en que habitamos, un risco para o nosa pervivencia e para a nosa convivencia.
A outra cara da moeda é a relación entre as linguas e os poderes. As linguas da maioría estruturan relacións imperiais, como dixo hai cincocentos anos Antonio Nebrija. Hoxe, nos tempos poscoloniais, ofrécense como poderosos mecanismos para crear comunidades de intereses, especialmente comerciais. E, sen ser mentira, non debemos esquecer que están intimamente fundidas con concepcións culturais e co dominio de determinados Estados nacionais, expansionistas e hexemónicos hoxe igual que na primeira mundialización que abriu a modernidade. O poder das minorías consiste, en troques, na autoafirmación: tomar a palabra e facer oír a propia voz, procurando espazos de convivencia pacífica, pero non exenta de tensión e mesmo de conflitos. Non existiron nin van existir xamais relacións irenistas entre culturas nin entre as súas correspondentes linguas.
Este escenario non implica unha renuncia á convivencia. Ao contrario, recoñecer a conflitividade en que se asenta a conservación da diversidade abre un espazo diferente para a convivencia: o da diversidade. Incómoda, en calquera caso, ofrece unha oportunidade para o enriquecemento mutuo. Só que non pode haber relacións fecundas que non estean baseadas na dignidade das linguas e das persoas que as utilizan, e na pretensión da inclusión das comunidades lingüísticas minoritarias nas dinámicas sociais, económicas e culturais das maiorías e dos poderes que as sustentan.

Agardar que, iniciativas como esta nosa, sexan un fogar para a dignidade e para a inclusión, para o diálogo intercultural e para o recoñecemento dos dereitos das persoas e dos pobos con menos oportunidades.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s