Outra vez Pena Moa

Na miña vida profesional recente, a principal aposta que fixen foi por iniciar unha xeira de realoxamentos nos principais asentamentos chabolistas de Galicia, co fin de contribuír á normalización social e ao desenvolvemento humano das poboacións afectadas polos fenómenos máis duros e persistentes de infravivenda no noso país. No decurso da aposta, cometín bastantes erros de xestión, e tamén algúns de carácter táctico. En troques, desde o punto de vista estratéxico, todo parece apuntar de cara a un proceso sólido, difícil de revertir.
Sen embargo, hai un punto neurálxico que vai acabar decidindo a sorte dos realoxamentos: Pena Moa, na Coruña. A súa enorme dimensión, con case 150 edificacións habilitadas como vivenda (con 99 familias que tiñan alí a súa única residencia), a súa orixe na Cubela, no centro da Coruña e a súa relación coa execución da Terceira Ronda, obra determinante para o futuro urbano da cidade, fan desa operación, a máis importante das realizadas no noso país, e o centro desta xeira de realoxamentos.
Todo parece indicar que estamos perto do final, e que a normalización social avanza polos camiños previstos. Pero existen tensións moi fortes arredor da sorte dos últimos de Pena Moa. A súa insistencia e ficar, e o apoio recibido por parte do BNG e algúns colectivos sociais (entre os que destaca Arquitectos Sen Fronteiras) axudan a constituír, por primeira vez desde que comezou o proceso, un núcleo favorable a outro tipo de política social e urbana. E esta alternativa, aínda que sexa discutible, favorece o establecemento dun núcleo simbólico de resistencia á política aplicada ata agora. Existía, ben certo é, outro núcleo de resistencia, favorable a unha erradicación que non fose acompañada de novas oportunidades vitais para os chabolistas. Pero ese sector de opinión, por máis apoios que tiver, non presentaba ningunha proposta viable. En troques, as circunstancias actuais, cun núcleo importante de familias decididas a non abandoar o asentamento, e con dificultades para desenvolver alternativas realistas a esa vontade, crean unha fenda na estratexia definida e desenvolta con anterioridade, reclamando un novo liderado e unha nova axenda.
Non creo que debamos renunciar nin aos obxectivos nin ás metodoloxías de traballo da etapa anterior. Pero é hora de falar do conxunto do problema chabolista na Coruña, e das posibilidades de rematar coa súa presenza tanto na cidade como no país, para sentar unhas novas bases de convivencia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s