Alimentos e Política Agraria Común

O financiamento dos bancos de alimentos (das diferentes Fundacións Banco de Alimentos, para ser máis exactos) por parte da Unión Europea é unha das incógnitas do novo período de Planificación de Fondos Europeos e, daquela, da política agraria común.

Semella claro que na conxuntura actual, o obxectivo de que non falte de comer para a xente en Europa continúa estando vixente. Cousa diferente é que non podemos articular os medios para logralo igual que nos tempos da posguerra, a mediados do pasado século XX.

Para min hai unha ecuación difícil de resolver. Pero o seu punto medio debería ser a pedra angular de toda a arquitectura europea arredor do problema da alimentación. Dunha banda, resulta inmoral subsidiar producións que teñen competidores noutros lugares do mundo (máis ecolóxicos e máis eficientes desde o punto de vista do emprego de combustibles fósiles e pesticidas), simplemente para manter o poder adquisitivo dos labregos de Europa. Pero, doutra parte, se as poboacións rurais de Europa desaparecen, o que corre perigo é o medio natural europeo, o seu equilibrio milenario entre bosque e campo, ademais de estar en risco a continuidade do continente como produtor de alimentos.

Por desgraza, non teño ningunha fórmula máxica que permita albiscar un centro de gravidade que faga xustiza ao noso agro e ao noso planeta. E, confiarllo ás forzas do mercado e aos grupos de presión é como poñer á raposa a gardar do galiñeiro. Porque máis poderosos que os produtores son as distribuidoras, compañías multinacionais que presionan aos labregos sempre á baixa, nunha dialéctica que se achega á que Marx describía para o capitalismo do século XIX. E, non o esquezamos, teñen moita máis capacidade de levar ao borde da miseria aos produtores do Terceiro Mundo que aos votantes e cotizantes do noso contorno.

Precisamente, no medio deste tirapuxa, prodúcese a dúbida sobre a pertinencia de retirar dos circuitos lucrativos da distribución certos alimentos que son repartidos como beneficencia. Acaso o momento de sacalos de circulación sexa cando as cadeas de distribución xa non son quen de vendelos. En vez de tiralos, pódense doar ás organizacións solidarias. Precisamente estes días estivemos a presionar desde diferentes frontes da sociedade civil para normalizar ese mecanismo. Pero ata agora, a distribución solidaria está pouco desenvolta, salvo no tocante aos alimentos non perecedoiros e ao conglomerado que vai desde as Fundacións dos Bancos de Alimentos e as redes da Cruz Vermella ata as parroquias ou outras entidades de beneficencia.

Conviría realizar unha reflexión fonda sobre as dinámicas que podemos xerar, en positivo e en negativo, cunha distribución solidaria de alimentos. Porque, acaso o que estea en xogo non é simplemente o momento de realizar unha doazón de alimentos, nin o axente da mesma (a Unión Europea directamente, as compañías de distribución) senón a pertinencia de crear unha rede de distribución verdadeiramente alternativa que poida contrapesar, en prezos e en accesibilidade universal, a lóxica perversa que fai dos alimentos antes unha materia de lucro que un dereito das persoas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s