Defender os dereitos, procurar alternativas

Fixen folga onte; e fun á manifestación de Vigo, a máis numerosa do país. A pesar de que a folga non resolve ningún dos problemas económicos que temos como sociedade. A pesar de que é tempo de traballar arreo, procurando solucións, e non de folgar. A pesar de considerar que o goberno está lexitimado polas urnas (quer dicir, polos cidadáns) para realizar as reformas que considere oportunas, dentro do marco de convivencia vixente, para garantir a viabilidade do Estado Social. A pesar de crer que un axuste nos salarios e nas prestacións do Estado resulta inevitable neste momento.

Fun á folga e participei na manifestación a pesar de non compartir boa parte das consignas do resto de manifestantes; a pesar de considerar demagoxia e verborrea unha parte dos discursos; a pesar de considerar que as forzas sindicais contribuíron decisivamente á dualización do mercado de traballo en Galicia e en España. E que a propia dualización facilita os actuais axustes no emprego e os futuros recortes nos dereitos laborais da forza de traballo estable e sindicalizada. Tamén considero que a oposición política oscila entre un realismo moi similar ao predicado polo partido do goberno e unha utopía difícil de acadar, salvo nunha ruptura co paradigma cultural vixente, nomeadamente coa actual cultura do consumo.

Logo, por que fun á folga? Porque considero que, á par do axuste no nivel de vida e nas posibilidades do Estado Social, estamos a introducir modificacións esenciais no Pacto Social en que se fundamenta a nosa convivencia. E que esas modificacións favorecen ás grandes corporacións, na súa posición fronte a outras corporacións globais, mentres que deterioran ás clases medias, a posibilidade de construción dunha economía baseada no coñecemento, a cohesión social dos máis vulnerables da sociedade e os procedementos de toma de decisións baseados no consenso e na participación social.

Se temos que emprender un camiño fundado nos sacrificios, debemos estar seguros de que renunciará máis quen máis ten, que perderá menos quen menos ten, e que todo o mundo, de forma paritaria (unha persoa, unha voz, e non soamente un voto cada catro anos) poderá facer oír os seus intereses lexítimos, os seus sufrimentos e os seus anceios.

Defensa do Ensino Público na Manifestación de Vigo 14 N

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s