A crise precariza ás clases medias en España

A crise precariza ás clases medias en España

A situación de Galicia, entre as máis precarias

A crise aumentou en dous millóns máis o número de persoas adultas que viven en situación de precariedade, debido sobre todo ao repunte do desemprego, á redución de salarios e aos axustes levados a cabo polo Goberno nos últimos anos, segundo o informe ‘Adeus ás clases medias’, elaborado polo colectivo de técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha), presentado este venres no seu XII Congreso anual, celebrado en Bilbao.

O informe, elaborado a partir de datos oficiais de diferentes organismos estatais e autonómicos, revela que a taxa de precariedade en España, que inclúe núcleos familiares con ingresos conxuntos iguais ou inferiores a 12.000 euros brutos anuais, así como familias sen ingresos, incrementouse até chegar ao 43,7% da poboación, polo que na actualidade afecta a un total de 20,6 millóns de persoas.

Desta forma, segundo os técnicos do Ministerio de Facenda, as rendas dos fogares mileuristas concéntranse, sobre todo, entre os asalariados que suman 16 millóns, seguidos polos adultos sen ingresos (2,9 millóns) e os autónomos (case 1,7 millóns).

A finais de 2007, cando apenas se empezaban a notar os efectos da crise, a precariedade estendíase ao 40% da poboación, uns 18,5 millóns de persoas, entre os que se contabilizaban 2,1 millóns de adultos sen ingresos, 744.000 menos que agora.

Desde entón, os rendementos do traballo dos asalariados e autónomos non deixaron de caer, mentres que, pola contra, as rendas altas han investido gran parte do seu capital en diferentes instrumentos como as sicav, sociedades patrimoniais e outros instrumentos de investimento para reducir ou eludir os seus pagos ao Fisco. De feito, Facenda perde anualmente preto de 300 millóns de euros pola baixa tributación das sociedades de investimento, que se sitúa en só un 1%.

Segundo Gestha, esta cantidade é só a “punta do iceberg”, que oculta unha bolsa de rendas do capital e plusvalías de “dimensións xigantescas” en mans dos accionistas que non tributan no IRPF, mentres non retiren a súa participación. Pola súa banda, as grandes fortunas evitan retirar os seus fondos para non pagar ao Fisco.

A elevada taxa de precariedade é diferente en función do lugar de residencia das persoas que se atopan nesa situación. Deste xeito, co 53% e o 51% respectivamente, Estremadura e Andalucía son as comunidades cunha maior precariedade, seguidas de Murcia (47,7%) e Galicia (47,7%). Pola súa banda, Navarra e o País Vasco rexistran a menor precariedade do Estado, co 22,2% e o 24,1%, respectivamente.

Así mesmo, os contribuíntes máis podentes tamén evitaron tributar o groso do seu patrimonio no IRPF, declarándoo como ganancias de capital, cuxo gravame máis elevado até a reforma de decembro de 2011 era do 21%, aínda que o novo tipo máximo para estas rendas (27%) segue sendo moi inferior ao que soportan os asalariados polo seu traballo, que vai desde o 24,75% até o 52%. Con todo, Gestha valora a maior tributación que, a partir de 2013, se aplicará ás plusvalías xeradas en menos dun ano, unha medida que pretende reducir a especulación e a fraude, como un primeiro paso cara á mellora da progresividade do IRPF.

Segundo os técnicos do Ministerio de Facenda, esta desigualdade entre rendas baixas e altas tamén se ampliou polas sucesivas subidas de impostos, especialmente no IVE e IRPF. A estas sumáronse os recortes aprobados nos últimos dous anos e medio, que impactaron especialmente no poder adquisitivo das rendas inferiores aos 33.000 euros anuais, que engloban ao 85% dos traballadores.

Para contrarrestar esta situación de precariedade, Gestha propón unha serie de iniciativas que por si soas permitirían recadar máis de 63.000 millóns de euros anuais sen necesidade de ampliar as diferenzas salariais e centrando as inspeccións sobre grandes corporacións e patrimonios, que concentran o 71,7% da evasión fiscal.

Unha das medidas incluídas neste paquete, que consiste en excluír as ganancias patrimoniais especulativas, principalmente inmobiliarias e sobre valores mobiliarios, do concepto de rendas do aforro, permitiría ao Estado recadar 1.380 millóns de euros adicionais cada ano.

Ademais, entre as propostas para aumentar a recadación e reducir a desigualdade entre rendas, Gestha tamén defende a aprobación dun proxecto de lei para crear un Imposto sobre a Riqueza de ámbito estatal, evitando así as bonificacións autonómicas ao 100% da cota, con mínimos exentos similares aos vixentes no Imposto sobre Patrimonio, ao que substituiría a partir de 2013.

Con todo, consideran que o tipo efectivo desta nova taxa debería triplicar ao do actual imposto, ademais de incorporar fórmulas para evitar a interposición de sociedades coas que as grandes fortunas poidan eludir o seu pago, así como incluír a xa mencionada exención da plena propiedade da débeda pública.

A pesar de estar a favor do Imposto de Patrimonio, os técnicos de Facenda consideran que até agora a súa aplicación foi pouco efectiva polas vías de escape das grandes fortunas e polas políticas existentes nas diferentes comunidades autónomas.

Neste sentido, o presidente de Gestha, Carlos Cruzado, sinalou que a posta en marcha dun Imposto sobre a Riqueza de carácter estatal “tería un maior efecto sobre a recadación e serviría para evitar a aplicación de novos recortes, cos que só se engade máis presión sobre a economía das clases medias e traballadoras”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s