O Banco Mundial, ese organismo concibido como un instrumento financeiro para o desenvolvemento dos pobos do mundo, e utilizado tantas veces para a súa dominación, ven de facer público un informe sobre o crecemento das Clases Medias en América Latina.
O documento por de manifesto esa tendencia mundial que fai esmorecer o capitalismo nos países en que foi central durante os últimos cen anos, e fortalece o seu ascenso nos que eran periferia, pero que se incorporaron activamente á economía global durante as últimas décadas. En América Latina, o WB (BM) destata a importancia da creación de actividade económica e de emprego, como explicación do advento das clases medias.
Na nosa explicación, a democratización das sociedades (tamén as diferentes formas de democracia económica fronte ás tradicionais oligarquías) e unha maior liberdade de elección do propio destino, fonte ás imposicións alleas, frecuentes desde a emancipación política, posibilitou ese ascenso.
Destacar tamén o papel da educación, a súa universalización e a inversión en capital humano, a inversión nas persoas e no seu futuro, como clave da transformación social que supón un incremento dun 50% do peso das clases medias ata converterse nun terzo da sociedade latinoamericana.
Daquela, é perfectamente posible que o capitalismo teña aínda unha longa vida durante o século que empezamos. Só que a fasquía do mundo capitalista alborea dunha forma incerta e, desde logo, diferente á que coñecemos nos tempos da Guerra Fría e dos Estados de Benestar clásicos.
Informe_Clase_Media_América_Latina_2012
Deixar unha resposta