Español, sen recursos

Axúdenme, teño fame

“Un cartel é un berro nunha parede” segundo a definición clásica. O cartelismo tamén difundiu aquela pretensión de ser “un puñazo no ollo”.

Cada mañá paso por un cartel que aspira a ser un berro na rúa:

“Español

sin recursos

pido una ayuda

acepto trabajo”.

Detrás hai un home da miña idade, coa dignidade quebrada. Pero na ollada aínda ten un remol de orgullo, unha conciencia certa de que non é xusto o que lle está a pasar. E que a miña indiferenza, a nosa indiferenza (aínda que nada máis sexa aparente, unha coiraza que evita que partamos o peito chorando a cachón de boa mañá) forma parte da inxustiza e nunca da solución.

O home que berra en silencio detrás do cartel sabe que a sociedade clasifica tamén a quen expulsa. E que a nacionalidade dá dereitos en orde á caridade e a xustiza. É consciente de que a ausencia de recursos non é suficiente para ser merecente de axuda. Por iso ese estrambote relativo ao traballo. Traballo: Ese ben que non hai e que se esvae antes que a misericordia dos ollos dos viandantes. Esta mesma tarde outro home parapetado detrás dun cartel gritaba: “pido traballo (albanel, pintor…)”. Era unha denuncia pública da sociedade que fomos e xa non somos. Aquela na que non se facía rico quen non quería. E que deixou paisaxes infindas de edificios sen cubrir e de almas ao descuberto que roldan insomnes as nosas rúas.

O home que marca a súa trincheira cun cartel para lembrarme cada abrente que falta traballo e dignidade, e sobra segregación e exclusión por mor da nación ou da condición laboral, ese home indica o camiño correcto da renda básica como un tránsito parcial de cara a unha xustiza máis cumprida. Entre todos erguemos un sistema produtivo onde podemos manter moita máis xente da que pode traballar. Ou repartimos o traballo, ou repartimos os recursos para a vida e a convivencia. Que outro camiño hai?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s