Desde os tempos do cisma de Occidente non se vira nada igual. Aínda que, para dicir verdade, só unha vez, con Martín V, pasara algo similar. Certo que, para unificar o catolicismo, deberon renunciar bispos designados para a sede de Roma en arranxos propios da política eclesiástica da Idade Media serodia. Sen embargo, foi o Papa Martín V quen, estarrecido da vida romana, máis propia dun rei que dun servidor de Cristo, voltou á vida monástica tras seis meses de sufrimento espiritual.
E, aínda que non simpaticei no seu día co Papa Bieito XVI, debo simpatizar coa súa derrota. Por unha banda, a Igrexa non está no camiño de gañar terreo nas sociedades occidentais. E, ás perdas fondas e cheas de dor de Europa, agora súmanse os países tradicionalmente católicos de América Latina, cunha pluralidade de confesións e de cultos crecente e cunha secularización que comeza a preocupar en Roma. Pero as auténticas batallas do Papa son aquelas que o diferencian do seu predecesor. E, no ámbito da loita contra a pederastia os avances son exiguos, as victorias pírricas. E na limpeza das contas vaticanas, ninguén dixo aínda a última palabra. Pero existen razóns para pensar que a situación é extremadamente grave e que o Ratzinger, fóra de tentar un último movemento de envergadura, poñendo a un home da súa confianza á fronte da economía da Igrexa Católica, non está con forzas para manter o pulso que cumpriría.
Na cuestión dos abusos a menores, foi unha boa nova que se decidise rachar o silencio e a colaborar coa xustiza civil. Debemos reparar que se trata de dous pasos na dirección correcta: sen recoñecer os delictos, envolvéndoos con silencio cómplice, poden apodrecer, pero nunca se correxirán. Alén diso, a corrección xa non queda nin no foro interno do pecador, nin sequera no marxe societario da propia Igrexa. O delictos considéranse na súa auténtica dimensión, a humanitaria e a civil, permitindo a reparación das víctimas, o castigo dos culpables e a súa rehabilitación por medios extraordinarios, non mediante subterfuxios. Pero a mentalidade xusticieira de Bieito XVI non deu para considerar que a estrutura eclesial e a súa disciplina moral que asocia o celibato co ministerio sacerdotal teñan relación algunha con este grave problema. Tampouco considerou que a educación afectiva dos abusadores o mesmo non era adecuada; porque se fose así, habería que cambiala radicalmente, non abonda con ensañarse con delincuentes que igual son, ao mesmo tempo, víctimas.
Na cuestión das contas, a situación parece ser peor. As prácticas do Vaticano non parecen casar coas recomendacións internacionais sobre blanqueo de capitais. E, en Italia todo o mundo sabe o que significa contemporizar cos capitais opacos. A situación chegou a ser tan grave que parece crible a versión do mordomo do Papa cando dixo que publicara documentos segredos co fin de protexelo. Se fose certo, Bieito XVI pretendeu ser un gobernante honesto á fronte dunha institución exemplar. O primeiro entrou en colisión co segundo e o Papa acabou sen forzas para seguir coas súas reformas. En parte, porque os mesmos que aplaudían cando era o azoute das correntes progresistas, negáronse calada e eficazmente a apoialo nos elementos máis característicos do seu pontificado.
Vaise convidándonos a procurar un Pastor que continúe o seu camiño, pero con forzas anovadas. Pero cando outra persoa tome o Caxato de Pedro, o bispo emérito Ratzinger xa non terá unha palabra que dicir en cuestións de goberno. Ficará só o silencio…
Deixar unha resposta