Na morte de Hugo Chávez

Rafael Cuíña dicía a pasada semana: “pésame, humanamente, a morte de Hugo Chávez”. Ecoei as súas palabras axiña, porque tamén eu o sentía. Agora, a medida que pasa o tempo, impóse a reflexión. E a min pásame con Hugo Chávez como con tantas cousas na vida. Cando pensaba que tiña unha patria, unha filiación, unha forma de pensar ben definida, miro ao meu redor e atopo que non son coma os demais.

Desde logo, non son coma os que ven na revolución bolivariana só as virtudes. Para min, a revolta militar previa ao proceso democrático posterior deita nubes escuras no horizonte dunha causa xusta. Certo é que, poucos anos antes da asonada tamén eu estaba convencido de que a forza era un mal menor nos procesos de liberación, cando menos como lexítima defensa. Agora sei que o uso da violencia acaba antes lexitimando a barbarie que mudando o curso da historia en favor dos desherdados da terra. Pero, que ninguén se engane: tamén Mújica, en Uruguay, andaba trabucado polo camiño da violencia e hoxe é un facho de enerxía cívica para alumear unha nova ética política. Acaso o que non acaba de gustarme é un exército querendo impoñer a un país o seu modo de ver a res pública. Lémbrame en exceso o tortuoso proceso que afastou a democracia dos pobos de España durante máis de século e medio de idas e vindas.

Fóra dos pecados de xuventude, as simpatías entre o poder de Teherán e o de Caracas, non deixan de estarrecerme. Non teño ningunha dúbida de que os xiítas son a única familia do Islam consecuente co seu discurso antiimperialista. Pero tamén son antioccidentais, en xeral, e antimodernos en particular. Contrarios, en calquera caso, á emancipación feminina (aínda que non tanto coma os ortodoxos sunitas). Partidarios, por último, da purga mesmo entre irmáns, como forma suprema de gobernos. Unha política internacional con estas alianzas non ten os meus parabéns.

Entre as cousas que non me acaban de parecer ben do chavismo son as proclamas en contra dos ricos e a favor dos pobres. Sei que non son a súa esencia. Pero o socialismo do século XXI debería atopar camiños, unha vez no poder, para promover un discurso máis centrado na reconciliación e nas tarefas que nos acomunan que no pasado de opresión.  Sei que é utópico; pero pasa co socialismo que flúe a medio camiño entre a utopía, o marxismo científico (cada día con menos adeptos) e a realpolitik.

Por último, non acabo de simpatizar co esgazamento entre a maioría dos galegos e galegas emigrados que fixeran algo de fortuna nos tempos da opresión e a actual liña política do país. Certo como é que os nosos aproveitaran demasiado tempo no País dos Ananos, non deixa de ser paradoxal que unha boa parte de esquerda de América Latina alanque grazas ao pulo das clases medias, mentres que outra parte as demoniza, reforzando a súa Santa Alianza coas oligarquías. Esta fenda entre a nova Venezuela e as nosas xentes de alá é unha glosa a pé de páxina respecto da dialéctica inconclusa entre ricos e pobres que non acaba de atopar unha síntese vizosa.

Podería facer unha nota, para a que precisaría máis tempo e documentación, na que falase tamén da política industrial e da promoción do espírito emprendedor, pero será outro día, se Deus quixer.

Ora ben, un presidente que pon na axenda acabar coa fame, distribuír a riqueza, fomentar a educación, estender servizos de saúde a cada paso máis universais e democratizar o Estado, non pode ser o lunático que estamos a ver nos medios de comunicación ao servizo das oligarquías mundiais. Non podo comulgar con quen silencia estes logros. E, menos aínda, con quen afirma que dar pan ao famento non é unha obra de misericordia senón de propaganda, cando non son miñas as mans que o reparten. Quen toma o camiño da xustiza e renuncia á violencia para seguilo merece o meu respecto sempre; aínda que equivoque os seus pasos, como eu equivoco tantas veces os meus. Pido que ninguén me obrigue a comulgar co que eu considero erros, e mesmo graves. Pero tamén pido que se me permita bendicir os seus logros. Benia a quen dá ao pobo a paz e a palabra, como cantara o poeta.

Coido que estamos moi orfos de discursos poliédricos, capaces de ver as múltiples formas da acción política e das transformacións das sociedades, alén das nosas simpatías persoais, moito máis alá das nosas filiacións.

Descanse en paz Hugo Chávez! Longa vida a Venezuela!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s