Recuperar o sorriso para o Ártico

Para quen o queira ver, estamos aínda a tempo de salvar o Planeta en que vivimos. Para que non o queira ver, a día de hoxe a Terra non precisa de ningunha salvación… E logo será demasiado tarde. Ben; logo están os que pensan que xa non hai que facer. Para estes últimos, supoño que a idea mesma de futuro, cada día se volve insoportable. Eu esfórzome por estar entre os primeiros, porque sinto que todos temos unha responsabilidade e coido que ninguén sensato pode negar que temos un verdadeiro problema ambiental a escala mundial.

Na miña formación como cidadán ten un peso determinante aquela primeira manifestación pacífica celebrada en Mondariz logo da Transición, reclamando a fin dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica. A foxa ficaba lonxe do noso río de troitas e das nosas fontes de auga mineral, pero para o meu maxín adolescente, uns bidóns a podrecer durante millóns de anos no fondo do océano, unhas fugas máis que probables e unha contaminación nuclear chegando ás costas da Galicia do mañá, eran imaxes desacougantes. Protestar era un deber.

Máis tarde, aprendín que protestar non sempre era entrañable e xuvenil, como aquela tarde na Praza. Que había causas ben importantes que eran reprimidas con violencia; e que mesmo aquelas que poden parecer máis evidentes, que están apoiadas na ciencia e no consenso, poden ser perseguidas con dureza, a vida pode ser negada e os dereitos humanos asoballados. E que, as máis das veces, o poder e os cartos van da man cando se trata de negar as evidencias e de reprimir as propostas para salvar o lucro. Aínda que sexa a conta da vida (da morte) da humanidade vindeira.

Por iso, considero verdadeiramente alarmante a prisión incondicional e indefinida dos activistas de Greepeace acusados de piratería por Gazprom e por Rusia (entendo que nesta orde). Non é o dereito nacional ou internacional o que vai por diante. Moito menos a razón. Trátase de reprimir con dureza as voces discrepantes, para evitar a súa multiplicación. Trátase de impedir que protestar sexa un exercicio pracenteiro que contribúa á toma de conciencia. A cambio, hai que meter medo: aos benpensantes, para que se afasten do mal camiño; aos malpensados, para que non volvan inzar coas súas pancartas o ceo enxoito dos seus balances.

Para min, hoxe, é unha obriga moral ofrecer unha palabra honesta, que fale da conciencia, que pida a liberdade para os activistas do Artic Sunrise e que nos permita recuperar o sorriso do Planeta.

P.s. Segue o hashtag #FreeTheArctic30 para ver outros blogs implicados.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s