Morte pasando a Ceuta

Non sei ben aínda o que aconteceu. E non quero culpar en primeira persoa a ninguén neste momento. Pero lembro os campamentos dos subsaharianos agochados entre o Campus Universitario de Oujda e a fronteira de Alxeria. Lembro a súa cara de medo, de cansazo, de fame. E tamén de vítimas do desprezo. Algúns aventúranse na cidade durante o día, á procura da esmola que manda o Corán. Acoden ante os sartegos dos santos que levaron a fe islámica máis alá do deserto, por ver se a Misericordia do Altísimo ten un oco no corazón dos que se chaman crentes e proclaman a submisión ao libro revelado. De aí o rostro de incredulidade: a Misericordia non chove do ceo; e se chove, non enchoupa os corazóns da xente, corre lixeira polas canellas para ir aos grandes corgos (wads) onde se erguen as chabolas. E, pola noite, eles volven baixo os toldos improvisados entre carrascos, matogueiras e piñeiros baixos, á espera de seguir camiño do Norte.

Pero aínda non chegou o peor.

O peor está nese espazo incomprensíbel que forma parte indisolúbel do seu continente e da nosa fachenda. Ese espazo que existe porque Henrique o navegante soñou con África, e Castela tomou para si nos tempos dos Felipes. E que permanece porque hai un intercambio desigual, que acaba beneficiando ás xentes da fronteira, a pesar do insulto constante da nosa presenza. E están os policías dun lado e do outro; uns coa súa brutalidade, os outros coa súa frialdade e a tecnoloxía que os fai inexpugnábeis. E están os muros e os arames; e as coitelas de afeitar para ferir a quen se achegue. Está, en fin, esa estética de campo de concentración que fai abominábel o paraíso soñado.

O que ninguén acaba de crer é atacar aos náufragos da vida, mulleres e homes indefensos no mar, que a penas saben como manterse nel e avanzar, testemuñas da desigualdade do noso mundo todo, e causarlles a morte porque pensamos que non teñen dereito a vivir os seus soños.

Advertisements

2 thoughts on “Morte pasando a Ceuta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s