Inmigración Europea en Galicia (1)

Todos sabemos xa que o SI de Suíza ao control da inmigración trata de controlar os fluxos de persoas nun mundo globalizado, onde os capitais, as mercadorías e mesmo os estilos de vida e as tendencias culturais flúen cada vez con menos fronteiras. Si, tamén as tendencias culturais, porque a homoxeneidade progresiva nas diferentes tecnoloxías que configuran a vida cotiá tenden a homoxeneizarnos. E porque a chamada “cultura POP”, a cultura de consumo en xeral, tende a circular cada vez con menos límites, a pesar das diferentes formas de censura.

Tamén sabemos que cada vez hai máis xente pretendendo poñer límites ás migracións interiores na Unión Europea. Unha sorte de retorno á Unión Aduaneira, que non teña implicacións maiores. A Marine Le Pen e á súa Fronte Nacional faltoulles tempo para dicir que tamén en Francia había que promover un referendo parello, para coutar a libre circulación de persoas ao solar francés, que debe ficar para eles e para sempre.

Esta pretensión de derrube da Unión Europea como proxecto de convivencia, fíxome reflexionar sobre unha realidade á que non lle viña prestando atención: o incremento da inmigración portuguesa en Galicia. Tomarei nada máis dous datos. O primeiro está tomado de fontes estatísticas españolas: o INE presenta a Portugal como primeiro país de orixe da inmigración en Galicia en 2012 (os últimos datos que ofrecía a pasada semana o IGE), con moita diferenza sobre a segunda nacionalidade, os brasileiros, case empatados cos romaneses. Con este dato, confírmase o que xa anunciabamos o pasado ano: Romanía converteríase en breve na segunda nacionalidade de procedencia da inmigración entre nós, por diante das migracións procedentes de países de África ou América Latina, cos que tradicionalmente tiñamos máis vinculación. De feito, en Pontevedra, a inmigración romanesa xa vai por diante da brasileira. Pero, neste dato chama a atención que mentres que as mulleres procedentes de Brasil son o 64% da inmigración, os romaneses veñen en paridade de xénero e os portugueses os homes son o 61%, nunha porcentaxe inversa á inmigración brasileira.

Porque publicaba a prensa portuguesa a pasada semana a estatística do desemprego en Portugal. O seu Instituto Nacional de Estatística destacaba que, igual que entre nós, a xente está deixando de solicitar un emprego. Ou, simplemente, marcha á súa procura alí onde hai traballo, lonxe da súa terra. E, mesmo creando 30.000 postos de traballo, hai 67.000 persoas que xa non buscan traballo en Portugal. Porque marcharon de Portugal nos últimos dous anos arredor de 90.000 persoas. Sabemos que 638 viñeron parar entre nós. Non son moitas, pero é que non somos un país onde sobre o traballo. Os sociólogos portugueses din que hai un retorno ao perfil da emigración dos anos sesenta: marchan os homes; quedan as mulleres que son as que andan á procura do traballo que aínda queda en Portugal. Exactamente ese é o perfil de inmigrante portugués que estamos a recibir. Diferenza cos anos sesenta? Estamos nunha Unión que é máis que un espazo de circulación de mercadorías. A xente ten dereitos. E non podemos (de momento) pensar que sobran aquí, que deben volver ás súas casas. Para os nostálxicos das moedas nacionais, das fronteiras nacionais e das políticas baseadas na identidade, velaí un motivo para a reflexión. E se tamén a nós nos poñen pexas e trabas e debemos circunscribirnos a un mercado de traballo que é o maior produtor de desemprego do mundo?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s