Baixa intensidade no emprego (1)

Nos tempos en que a nosa economía medraba e ninguén (ou case) andaba á procura dun modelo económico alternativo, a sociedade española –e con ela a galega –comezou a deixar atrás o progreso da igualdade propia das tímidas políticas sociais do tempo da Transición, e comezou a avanzar polo vieiro da desigualdade económica. Á maioría social parecía non importarlle porque había un pastel grande a repartir. E moita xente pensaba que, máis ben cedo que tarde tamén lle tocaría unha parte. Logo chegou a crise (financeira, social, política…). A desigualdade seguiu medrando e a pobreza crecía por momentos. Pero chegamos xa a un punto en que a pobreza popularizouse tanto que ten verdadeiras dificultades para seguir medrando. Porque a maioría social é algo máis pobre. E os cálculos de pobreza nas sociedades ricas coma a nosa fanse con indicadores relativos. En Europa, ese indicador é o 60% da mediana. A depauperación das clases medias provoca un descenso da mediana, dificultando que mesmo as rendas baixas fiquen no limiar da pobreza.

Para corrixir este efecto, a propia Unión Europea propón un indicador agregado chamado ERPE (ou AROPE, polas súas siglas en inglés) que inclúe, ademais da pobreza, a privación material severa e a baixa intensidade no emprego. Sobre a privación material hai moito que reflexionar aínda, porque probablemente debamos relacionar no futuro as mobilizacións a prol dos dereitos sociais coa redución da privación material severa.

Pero neste momento é necesario centrarse na que acaso é a maior problemática da nosa sociedade e da pegada que vai deixar en moitas familias a saída da crise: a baixa intensidade no emprego. Este indicador refírese a fogares, e non a persoas; concretamente, aquelas unidades de convivencia en que os adultos que o integran durante o último ano non chegaron a ter sequera o 20% da súa potencial ocupación laboral. Pois ben, en España hai 1.832.300 familias con todos os seus membros desempregados. En Galicia son polo menos 89.200. Veremos como, pouco a pouco o emprego vai gañando algo de vitalidade. E como os esforzos dos poderes públicos van centrándose en reducilo. Pero vanse incrementar o número de “traballadores pobres”, sobre todo se atendemos á medida de privación material da que falamos antes. E veremos como o emprego volve ás familias que xa teñen unha parte dos seus membros traballando, reforzando o “efecto Mateo”: a quen ten, daráselle; a quen non ten, quitaráselle o pouco que lle quede.

A loita pola inclusión social terá aquí o seu centro. Estades convidadas e convidados a coñecer a súa evolución e a participar no esforzo colectivo por frear a exclusión.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s