Bandeira branca en Ucraína

A situación de Ucraína non é doada de entender deste este outro recanto de Europa que é Fisterra. Non hai similitudes históricas que poidan servirnos para atopar explicacións doadas ao que está a pasar. Aparentemente, a caída da Unión Soviética dera orixe a procesos de autodeterminación que fixeron agromar identidades históricas, antes agochadas. Pero axiña as novas entidades nacionais foron formando fileiras, ora con Europa e a Alianza Atlántica, ora cunha Rusia nostálxica do poder soviético como poder eslavo. Vistas en perspectiva, esas foron as forzas que loitaron nas guerras balcánicas de finais do pasado século XX. Daquela, as mentes máis preclaras de Europa xa avisaran que era tempo de dar a luz novas formas de pacifismo que permitisen abordar os retos do tempo que estaba chegando. Pero entre nós, estabamos asistindo á marea chea da obxección de conciencia e mesmo da insubmisión fronte ao Servizo Militar. E ese debate doméstico afastounos dunha reflexión pacifista máis fonda. Non debo omitir que tivemos unha mobilización pacifista exemplar, interxeracional e esperanzadora fronte á Segunda Guerra do Golfo e a invasión de Irak por parte dos Estados Unidos e os seus aliados, entre os que estabamos nós como comparsa. Pero coido que non acabamos por xerar unha renovación do movemento pacifista á altura dos conflitos do século que comezamos.

Debo confesar que simpatizo co europeísmo que inspiraba a unha parte da oposición a Yanukovich. Pero teño que manifestar o meu terror diante dos grupos neonazis que participaron nas revoltas contra o anterior mandatario ucraíno. Diante deles, é comprensible a reacción das minorías rusas (maioritarias en certos territorios) de procurar o amparo da Federación Rusa ante as ameazas –reais unhas, imaxinadas outras- que contra elas traían os novos tempos.

O xogo de poder do militarismo ruso, e a oposición da Alianza Atlántica e dos Estados Unidos ante unha Europa estupefacta e impotente, están a dar a medida das novas formas de conflito do noso tempo: os grandes poderes militares impoñen a súa lei, a da forza e a dos feitos consumados, especialmente cando os restantes actores globais carecen de capacidade de influencia sobre o territorio e de fortes intereses económicos e militares no terreo. Fronte a esa tendencia, o pacifismo e a aposta por novas formas de goberno mundial deben converxer. E procurar formas alternativas de resolución dos conflitos (tamén dos nacionais e territoriais). Sospeito, sen embargo, que andamos lonxe da Paz Perpetua.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s