Axilizar a RISGA

Exclusión SocialEste mércores, o Parlamento de Galicia subscribiu por unanimidade, a instancias de Carme Adán, do BNG, un acordo para axilizar os trámites da Renda de Inserción Social de Galicia e cumprir así cos prazos que marca a Lei 10/2013 de Inclusión Social.

A situación para algunhas persoas comezaba a ser grave porque, a posta en marcha dunha lei que pretendía ser garantista nos seus enunciados, deu como resultado novos atrasos sobre outros acumulados desde períodos anteriores.

Non é difícil de explicalo: expedientes que estaban en marcha no momento de aprobación da Lei vixente, tiveron un novo trámite para axustarse á nova norma. Para bastantes familias e persoas pode supoñer unha mellora, pero supón primeiro unha demora. Ademais, hai que engadir os retrasos á hora de conseguir unha primeira entrevista nos Servizos Sociais comunitarios. Non é que o diga a Conselleira en Sede Parlamentaria (que o dixo); e que abonda andar pola rúa, entre xente con problemas, para sabelo. E iso non é culpar dos males a quen está na base do sistema. É recoñecer unha realidade: a crise incrementou a pobreza e a exclusión. Pero incrementou en moito maior medida a demanda de protección social, especialmente entre xente que nunca se vira en situacións de precariedade. Iso forza ás traballadoras sociais a realizar entrevistas longas e difíciles desde o punto de vista do contexto comunicativo. E a realizar comprobacións sobre o axuste entre o grao de precariedade percibido e a ausencia de recursos que marca a Lei para dar dereito á prestación.Evolución da RISGA - Perceptores/as

Pero, sendo claro que non hai unha “culpabilidade” asociada a estas demoras, o sufrimento das persoas que esperan esa última rede de protección que pare unha caída que parece non ter fin, e que ven que esa rede non chega, mentres se deteriora a súa calidade de vida, acumúlanse facturas sen pagar, fanse promesas ás persoas da contorna próxima que non se poden cumprir, ese sufrimento merece un acordo para axilizar a RISGA. Eu mesmo redactei hai uns meses un escrito para as Cáritas de Galicia, a instancias de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, en que se daba conta da extrema gravidade da situación provocada por unha acumulación de retrasos que, sen ter ningún culpable, acaban por cargarse no lombo de quen máis sofre.

Daquela, benvido sexa o acordo que permite garantir a axilidade dos trámites, que compromete á administración autonómica e que insta a acurtar os prazos no comezo da cadea, á hora de comezar a atender e valorar ás persoas que o requiren, porque as máis delas tamén o precisan.

Só que cómpre tomar conciencia de que non axuda a ninguén entrar nunha guerra de “prazos”. Un modelo de “listas de espera” nos servizos sociais, pode chegar a crear unha serie de formalismos de resposta que, lonxe de arranxar as situacións que se pretenden atender, acabe nunha maior burocratización dos servizos. Cando a outra gran demanda da xente que acode é a humanización, a escoita, o apoio, a proximidade e o vínculo, aínda que sexa de carácter profesional. Por iso habería que pensar en explorar novas formas para axilizar o acceso aos Servizos Sociais: podería tomarse como modelo a “triaxe” que se realiza nos Servizos de Urxencias de Sanidade. Non é o médico quen realiza a clasificación das urxencias, senón unha enfermeira coa axuda da información que o persoal administrativo manda desde a recepción. Hai erros na triaxe, pero axiliza o acceso e diminúe a mortalidade nas urxencias.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s