3963 familias galegas non poden alimentar adecuadamente aos seus fillos

PanParece ser que a pobreza infantil é o tema do verán. Dáse o paradoxo de que xa antes de 2008 constituía unha realidade preocupante entre nós. E que as indicacións da Unión Europea a respecto da redución da pobreza infantil e da prevención da reprodución xeracional da pobreza foron desoídas, como se estivesen a falar de Biafra (poño por caso) e non nós. (Por certo, estaría ben que nos preguntemos por que tanto énfase nas directrices comunitarias cando se trata de mercados ou de sistemas bancarios, e por que tanta impermeabilidade cando se trata de dereitos sociais ou de sustentabilidade ambiental). Benvido sexa, porén o debate: chega ben tarde, pero pode que chegue para crear conciencia, e non só para enredar nos medios de comunicación na xeira estival.

Pois ben, hoxe La Voz de Galicia entrevista á Directora Xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, que reflexiona sobre a complexa relación entre a pobreza e a malnutrición infantil. Logo de moitos anos de traballo canda organizacións que distribúen alimentos, teño que dicir que no noso contorno de momento a mala alimentación non só está relacionada coa escaseza de medios, senón tamén con outras características persoais, familiares ou sociais. De feito, a única morte infantil por fame que se produciu en Galicia neste século foi na vila de Ponteareas, sen que mediase unha petición de axuda nin aos servizos sociais públicos, nin á Cáritas da Vila nin aos veciños e veciñas que poderían valerlle a aquela criatura malfadada. Pero, precisamente no caso que comento fallan os vínculos comunitarios e a educación social. Os primeiros foron erosionados pola cultura do novo individualismo (capitalista e posmoderna para máis sinais), e deben ser recuperados de forma crítica e consciente. Os sistemas de educación social están a ser cuestionados no esquema de prestacións sociais con motivo da crise. Cumpriría un novo consenso no que non só as prestacións son importantes, no que non falemos só de traballo social como tramitación de prestacións… Unha conciencia nova e un marco de acción anovado.

Ora ben, hai outro dato na entrevista que debe ser obxecto de preocupación: un 0,4% das familias galegas non poden alimentar adecuadamente ás súas fillas e fillos. Porcentualmente, carece de importancia. Pero desde o punto de vista do drama humano hai case catro mil familias nesta situación. Expresado doutra maneira: organizando a solidariedade (e iso debe ser a sociedade) o esforzo é pequeno. Pero é demasiada xente como para considerar que se trata dunha anécdota: non se trata dun caso illado, como foi no seu día a traxedia en Ponteareas; trátase dun problema social de primeira magnitude que resulta urxente abordar.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s