Parar a guerra (no aniversario da 1ª Guerra Mundial)

Primera-guerra-mundial-tropas-inglesasTal día coma onte, pero hai cen anos, comezaban as operacións militares na fronte de Bélxica do que había ser a Primeira Guerra Mundial. Porque aquel conflito europeo, franco-prusiano aínda nesa fronte, e xermano-eslavo na outra, acabou por implicar demasiada xente de fóra do noso continente, e anunciar un declive que aínda no parou. De aí que esa grande guerra europea acabase sendo considerada (non sen certo etnocentrismo) como a primeira de carácter mundial.

Ora ben, non convén celebrar efemérides se non é por aprender algunhas leccións delas. E coido que esta é unha das máis necesarias no momento que estamos a vivir, en que diversos países do mundo toman os vieiros do belicismo como forma de xestionar os conflitos de veciñanza, de pluralidade nacional e cultural e mesmo de relacións comerciais.

Unha primeira lección importante está relacionada coa globalización e a súa gobernanza. Aínda que existen antecedentes no inicio da modernidade e no mercantilismo, a primeira globalización capitalista foi cumprida a finais do século XIX, nunha fase de expansión do capitalismo que Lenin cualificou no seu día como “imperialismo”: porque á racionalidade económica do capitalismo sobrepúñaselle unha ideoloxía militarista, expansionista e eurocéntrica que creou friccións primeiro na periferia, pero que cando foron levadas ao centro, desencadeou unha catástrofe que carecía de precedentes. A actual globalización posúe mellores e máis axustados elementos de goberno global. Pero distan moito de ser democráticos; bastante de ser ecuánimes e en ocasións mesmo de ser pacíficos. Logo, para quen defenda a globalización urxe unha mellora intensa e rápida da súa equidade, da súa xustiza, da súa democracia e da súa capacidade de interlocución pacífica.

Unha segunda lección está relacionada coa renuncia a elementos éticos e ideolóxicos para adherir unha ideoloxía nacional(ista). Curiosamente, os Estados que entraron en guerra foron quen de conseguir que a sociedade no seu conxunto (con excepcións notables) se mobilizase arredor de ideas patrióticas. Isto foi especialmente notable no caso da militancia obreira na Segunda Internacional; en moitos casos houbo unha renuncia explícita ao internacionalismo para adherir as bandeiras da guerra. E só cando o deterioro da fronte militar foi evidente, houbo reaccións que fixeron abanear os poderes nacionais (e non só no caso de Rusia, senón tamén no imperio austro-húngaro, en Turquía ou en Alemaña). Houbo que esperar á fin da Segunda Guerra Mundial para acabar de reconstruír na maioría social un discurso internacionalista e pacifista. Hoxe resulta urxente relacionar a globalización coa creación de movementos sociais e políticos de carácter internacional, que superen ás actuais trincheiras que separan Norte e Sur (pero tamén Este e Oeste ou países cristiáns e países musulmáns, por referirnos a barreiras que están menos de moda, pero que resultan igual de difíciles de derrubar).

Un último elemento sobre o que quero reflexionar hoxe pode ser máis conxuntural, pero ten unha enorme importancia. O Kaiser Guillermo II estaba convencido de que sería unha acción militar rápida, como a Guerra Franco-Prusiana. Pero tamén o resto das opinións públicas do Continente. Ninguén quería que durase; pero ninguén quixo parala. Só os obxectores de conciencia tiveron o valor de poñer a vida en xogo para negarse: “non no meu nome, non co meu sangue, nin con sague derramado por min”. Hoxe, cando vemos como as potencias mundiais non queren parar conflitos de carácter local ou rexional (Gaza é un magnífico exemplo), debemos argallar formas para paralo. Do contrario, pode chegar un momento en que esteamos inmersos nun conflicto global de dimensións xigantescas e que ninguén saiba como se para…

Deixar un comentario