Erdogan

No balbordo de feitos que conmocionan á opinión pública, a penas se sentiron reflexións sobre a vitoria electoral de Recep Tayyip Ergogan nas eleccións presidenciais do pasado 10 de agosto. Non son eu especialista en política internacional, e algunhas das miñas opinións estarán, sen dúbida, desenfocadas. Sen embargo, gostaríame compartilas e poder manter un diálogo construtivo con que teña a ben discrepar.

En primeiro lugar, a pesar das evidencias de corrupción na súa contorna de poder máis directa, e a pesar dos fortes movementos sociais e políticos de oposición (lembremos ás mobilizacións de Taksim), a democracia directa ao estilo occidental deulle unha victoria clara e incontestable a un personaxe con trazos autoritarios e que está a socavar o laicismo da Turquía moderna, construída polos Novos Turcos de Mustafá Kemal Atatürk sobre as ruínas do vello imperio. É unha advertencia importante para quen pensa que as novas formas de facer política traerán maior democracia e liberdade. Primeiro foi a deriva islamista da Primavera Árabe, coutada definitivamente polos militares e as potencias occidentais no caso de Exipto, mentres que a mocidade e a intelectualidade que loitaba pola liberdade asistía impotente a un xogo de poder no que, simplemente, sobraban. Pero Turquía non é un país árabe nin o quere ser. Por iso esta segunda lección procedente de Medio Oriente é importante para o noso contexto. Temos ilusión nas novas formas de facer política, máis conectadas coas novas tecnoloxías e cos movementos sociais. Pero non temos ningunha seguridade de éxito. Pode que atopemos, sen máis, un ciruxán de ferro ou algo aínda peor. O soño da democracia asamblearia que algúns albiscaban en Ucraína acabou no pesadelo da Guerra Civil. Non é doado superar unha tiranía; e menos cando unha parte dos coaligados para derrubala carecen de ideais democráticos ou libertarios.

Logo está o rol que nós lle quixemos outorgar a Turquía e o que a propia Turquía procura para si. Europa rexeitou a integración do país do Bósforo, non por estar só parcialmente situado en Europa, senón sobre todo pola conxunción de dous factores que considero pouco lexítimos. Dunha banda, a Unión Europea considérase un clube de países cristiáns. Case ninguén quere escribilo na súa constitución. Pero cando asoma no horizonte un país de maioría musulmana, consideramos que ten unha cultura heteroxénea coa do resto de Europa. E pechamos as portas. A outra razón é que Turquía ten unha poboación similar á alemana. E, en pura lóxica, pasaría a ser o segundo país máis relevante na Eurocámara. Relixión e poboación forman o binomio da nosa negativa. Por iso non debería estrañarnos que Turquía, farta de chamar á nosa porta, decida ter un rol propio. Erdogan é quen asume a negativa e busca un protagonismo propio. Logo é normal que Turquía aclame como presidente a quen lle dá unha razón para vivir, como cabeza da modernización das sociedades musulmanas, cunha afirmación radical da modernidade e do Islam. Haberá quen pense que esoutro binomio é unha falacia. Eu acho que é unha resposta ao binomio que configura a nosa negativa a tratalos como iguais.

Pero o rol que lle asignamos e o que Turquía quere chegar a ter non acaba aí. Porque as guerras do petróleo en Oriente Medio acabaron por desestabilizar as fronteiras da Turquía moderna, abrindo unha fronte que a propia Turquía considera como extremadamente perigosa no Kurdistán Irakí, e outra que impide calquera neutralidade turca, pero tamén calquera intervención turca na Guerra Civil Siria. Ninguén que asista á recente creación do Estado Islámico entre Siria e Irak pode pasar por alto a súa relevancia á hora de conformar un estado de opinión en Anatolia, que leva á elección de Erdogan como novo presidente do Estado. Os turcos ven como arde en guerras case todo o seu antigo imperio. E os intereses de Estados Unidos e Arabia, enfrontados e aliados ao mesmo tempo sobre o terreo, cunha Europa ausente. E pensan que eles están a levantar un sistema de convivencia que couta o avance do salafismo pero non se confunde cos intereses de Occidente, senón que proclama aos catro ventos que Islam, progreso e convivencia poden ir da man.

Non serei eu quen negue que esta conxunción poda producirse, pero dubido que sexa este o camiño. Tamén eu esperaba que os movementos sociais e a loita contra a corrupción producisen un resultado diferente. Pero camiñamos de cara a un mundo onde as nosas esperanzas e utopías, tan centradas na propia Europa, tan pouco consideradas cos desexos e necesidades da nosa veciñanza, poden acabar convertidas en pesadelos. Tratemos de abrir os ollos, porque estamos moi lonxe da fin da historia, pero andamos lonxe da paz e da convivencia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s