Violencia racista

ferguson-brown-9-9

Van pasando os días, catorce desde que o sábado 9 de agosto de 2014 un policía asasinase ao adolescente Michael Brown, en Ferguson (Missouri). E as augas parecen baixar máis tranquilas por aquelas terras. Pero non porque os feitos fosen esclarecidos. Nin porque a actuación da policía se volvese máis exemplar. Ao contrario, o día 19 outro mozo negro caía morto polos disparos doutro policía sen que mediase risco aparente para a vida do axente. Só a intervención da Garda Nacional, as restricións ao dereito de manifestación e a brutalidade da represión das protestas lograron calmalas.

 

Chámanlles “disturbios raciais”. Eu máis ben penso que se trata de violencia racista. E vou tratar de argumentalo.

En primeiro lugar, considero imprescindible desterrar as terminoloxía “racial” do tratamento deste tipo de casos. Se admitimos un sistema de clasificación que ten como únicas bases a cor da pel, a cultura e o status social, pero que carece de bases biolóxicas, estamos entregados desde o comezo da discusión a unha ideoloxía colonialista, que non quere entender a diversidade humana e que trata de impor a lei do máis forte. O feito de que en todo tipo de medios de comunicación, mesmo entre os que se publicitan como alternativos, aparezan expresións como “un cidadán de raza negra”, dificultan unha comprensión cabal dos feitos. Non é que eu trate de negar o obvio, como é o fenotipo escuro. O que trato de evitar é que o fenotipo se converta en criterio de clasificación. Eu mesmo, individuo fenotípicamente europeo do Sur, fun clasificado como “árabe” en contextos polémicos e lesivos para a miña integridade e os meus intereses. Tamén recibín esa mesma clasificación en contextos que me favorecían, e nos que tamén podía estar en risco a miña integridade. Non estou molesto coa clasificación. Mesmo teño certo orgullo por coñecer a rotulación e a discriminación en propias carnes. Pero creo estar no meu dereito a pensar que un mundo en que nos consideremos todos simplemente como persoas é máis habitable e máis respectuoso coa diversidade que nos caracteriza. Só hai unha raza: a raza humana (e existen múltiples evidencias biolóxicas desa unidade). O resto é retórica racista.

En segundo lugar, os Estados Modernos fundaméntanse, entre outras cousas, no monopolio do Estado no uso lexítimo da violencia. Nos contextos en que o uso dese monopolio é conforme ás regras de xogo (especialmente nos denominados Estados de Dereito), a maioría da cidadanía acepta de bo grao ese monopolio sobre a violencia, porque evita unha discusión constante sobre a lexitimidade dos medios e dos actores que exercen coerción sobre os demais. Nunha sociedade perfecta a violencia, sen máis, deixaría de existir (e tamén o Estado e os seus medios de coerción). Pero no mundo en que vivimos, existe un amplo consenso sobre a lexitimidade das policías e (en menor medida) dos exércitos. Só que cando a policía dispara contra persoas desarmadas, cando as mata sen que podan defenderse, cando minte sobre as causas desa morte e cando ten unha motivación execrable e arbitraria (o racismo) para proceder así, toda a lexitimidade que a maioría social ofrece habitualmente, de súpeto desaparece. E os agredidos desatan unha violencia que ten como fin lembrar que non se poden vulnerar impunemente certas normas sen o máis mínimo respecto á vida humana, reivindicarse como suxeitos políticos no máis básico que é o dereito a subsistir.

Por último, na base desta violencia está unha desigualdade inxusta, crecente, impúdica. Porque as máis das veces o racismo é unha forma requintada de clasismo que permite unha dobre segregación e unha dobre discriminación que afecta a grupos sociais especialmente vulnerables. Non só son vítimas da pobreza e da exclusión, senón que tamén funcionan como víctimas expiatorias de todos os males dunha sociedade. Ferguson é unha localidade que viviu un proceso moi intenso de inmigración afroamericana durante a última década; paralelamente, viu como se incrementaba exponencialmente a pobreza e o desemprego. E, en moita menor medida, a delincuencia. Pero as súas institucións, incluída a policía, pensan que é unha cidade branca para brancos. Os negros traen todos os males. A mellor forma de eliminar o mal é eliminar aos negros. Así funciona o racismo, culpando ás vítimas. E proclamando heroes aos asasinos (de feito, o Ku Kux Klan xa comezou unha colecta a prol do seu heroe).

Daquela, parece claro que cómpre limpar a linguaxe para retirar as vendas dos ollos, devolver ao pobo unha forza pública capaz de defendelo, non de masacralo, e crear condicións de xustiza e igualdade que favorezan a cohesión social e a convivencia. Calquera outra estratexia frea a violencia con outra violencia maior, non con sentido da humanidade, da fraternidade e da Paz.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s