Polos secuestrados e os perseguidos

NazarenoEntro onte na catedral de Santiago de Compostela e descubro como benvida un cartel en que se me invita a orar polos secuestrados e polos perseguidos, pola paz no mundo. O convite chamou a miña atención. Porque o primeiro pensamento é para as persoas que, no medio das guerras que desangran Oriente Medio, son empregadas como instrumento de intercambio económico. Cando ese obxectivo non se acada, utilízanse como chibos expiatorios nun ritual certamente cruel. Teño intención de comentar esa violencia exercida polo Estado Islámico, sobre todo pola relevancia que ten para a destrución das sociedades multiculturais. Pero agora quero centrarme na mensaxe da Catedral: non pon por diante a situación de persecución que sofren as minorías relixiosas no Levante, incluídos os cristiáns, senón os secuestrados.

Esa prioridade ten tres lecturas, todas elas interesantes: A primeira, é que o catolicismo comeza a cambiar a súa axenda baixo a xeira do Papa Francisco, que está disposto a dar prioridade ao pensamento humanitario que aos intereses corporativos da Igrexa. A segunda lectura posible é que se trata dun exercicio que vai desde o que máis chama a atención dos noticiarios ao que realmente interesa que é a persecución dos Cristiáns Caldeos (e outras confesións cristiás antigas asociadas ás Igrexas Católicas ou Ortodoxas). A última lectura, tamén lexítima, é que importan máis os occidentais e a súa capacidade de incidencia na opinión pública mundial que o sufrimento das minorías orientais, sexa cal for a súa confesión e a súa cultura. Os significados das mensaxes, máis alá das intencións de quen escribe, son por forza poliédricas. E non pretendo xulgar, só desvelar as múltiples faces dese poliedro irregular que é un folio branco cunha frase pedindo unha oración.

O que para min é importante hoxe é o sufrimento humano, e ese debe ser o primeiro acento. E logo, acaso, poñer un foco de luz sobre os perseguidos. Non na condición de cristiáns, senón de minorías indefensas no medio dunha vaga imparable de fanatismo.

Tamén quero ofrecer unha lembranza. Houbo un tempo en que o taboleiro de Oriente Medio estaba menos desfeito, en que a xente vivía de forma máis pacífica. O baazismo, ese nacionalismo árabe tenuemente laico e aconfesional, declaradamente progresista a pesar das súas derivas autoritarias e da súa querenza polo réxime de Partido Único, constituía a peza fundamental desa convivencia, dando continuidade no contexto árabe ao laicismo dos xoves turcos. Cando chegou a fin do petróleo barato, as potencias occidentais decidiron atacar Iraq coa escusa de frear o seu militarismo. Se fose unha razón, todas as ditaduras militaristas do mundo deberían ser atacadas polas potencias occidentais, antes ou despois, e non hai evidencias de que iso vaia acontecer.

E, nese preciso momento, o cristián Caldeo máis poderoso do século XX, Tarek Aziz, tratou de convencer ao Papa de Roma para que intercedese a favor da paz e contra a invasión e a destrución daquel Estado. Algúns dos que agora estamos dispostos a elevar unha oración a prol da Paz e da Convivencia, cremos que habería sequera un aceno que impedise aquela agresión. Pero moitos dos que hoxe colocan nas redes sociais o símbolo dos “nazarenos”, discriminados e masacrados pola súa relixión e a súa cultura, acusaron a Aziz de cipaio ao servizo dun sátrapa e aplaudiron a guerra.

Gustaríame, daquela, que ademais de lembrar o sufrimento humano daquelas terras, pidamos perdón por non saber parar a guerra a tempo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s