Mediación?

Mediación Intercultural

Hai trinta anos escoitaba, abraiado, discursos de líderes xitanos que proclamaban a súa dignidade cultural afirmando que “máis vale unha gota de sangue que mil discursos”. Daquela eu era un mozo. Agora son case un vello. Continúo abraiado diante dese discurso. Pero xa non son quen de asentir. Meneo a cabeza, incrédulo. E levanto a voz, pido a palabra, para dicir que esa é unha afirmación racista.

Mentres pasaban por min os anos, soñei alboradas de fraternidade e de recoñecemento cultural, onde a dignificación voluntarista fose substituída por unha dignidade ilustrada e orgullosa. Mentres, a miña achega a esa causa sería permanecer a bordo no tempo que durase a singradura entre o espertar da conciencia e a madureza da organización popular.

Pero a alba de gloria, como en tantos outros soños, vaise demorando por mil motivos, feitos uns pola terqueira da historia, as máis por mil mesquindades que resultan difíciles de relatar e que alongan a noite alén das nosas forzas.

E, mentres, fun tomando decisións e partido. Equivoqueime mil veces, acertaría algunhas ducias delas. Fixen cousas que sabía que estaban mal (Deus as faga mellor!), recoñecendo en público e en privado a miña ruindade e pedindo que tirase a primeira pedra quen estivese sen pecado. De xente sen pecado recibín pedradas, tan ben anda o mundo de pureza; ou tan mal anda de conciencia.

E renacín das miñas cinzas para continuar soñando coa fraternidade e coa xustiza, deixando atrás os tempos en que para andar nesas leas era preciso contaminarse, ou servir a determinadas organizacións de enorme tamaño, máis dispostas a reproducirse a si mesmas que a andar canda a xente que sofre.

Por iso cando, a esta altura da miña historia persoal, dou cun conflito que levo presenciando durante décadas, onde estou convencido que hai vítimas e hai opresores, non son eu a persoa apropiada para realizar ningún tipo de mediación. Podería botar man do repertorio amplo de habilidades e técnicas que fun aprendendo, procurar un espazo para a imparcialidade e afondar, máis aínda, na idiosincrasia de cada grupo cultural afectado polo presente conflito. Sinceramente, vou canso e prefiro ser partisán que sentirme templagaitas. Pero tampouco vou dar por boa unha mediación, tanto máis parcial que a miña, que se propón desde unha óptica étnica e que aparece da man dos vencedores.

Considero que unha convivencia pacífica necesita de mediación, e non de imposición da forza. Ora ben, entendo que hai que restablecer unha ética de empatía coas vítimas. Sen ela, o pacifismo é unha trampa saducea.

Advertisements

One thought on “Mediación?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s