Lento, ineficaz, inxusto

O balbordo da actualidade levoume a deixar de lado a opinión da Comisión Europea sobre a reforma laboral en España. Pero resulta imprescindible ofrecer un par de consideracións a respecto desa opinión, para situar os procesos de desemprego e de empobrecemento que sufrimos nun marco de interpretación máis amplo.

A opinión emitida o 10 de novembro a esta altura resulta de sobra coñecida: o axuste no mercado de traballo foi lento, ineficaz e inxusto. Os tres adxectivos xuntos non deixan lugar a ningunha dúbida: os axustes chegaron tarde, non serviron para o que tiñan que servir e cargáronse sobre os ombreiros máis febles.

Comparto coa Comisión a opinión de que a dualización do mercado de traballo en España, que xa era un feito moi notable antes da crise, agravouse como resultado da mesma. De feito, o sindicalismo e a capacidade de negociación estaban da parte dos postos de traballo de natureza indefinida, nas grandes empresas e no emprego público. Fóra dese marco a capacidade de articulación do sindicalismo maioritario foi sempre escasa. E as dinámicas de negociación colectiva sempre favoreceron, en termos relativos, aos traballadores indefinidos.

Con eses vimbios era difícil facer un axuste eficaz. Porque as decisións sobre continuidade nos postos de traballo tomáronse sobre a base da liquidez e da dispoñibilidade para despedir xente, non sobre a eficiencia das persoas no seu posto de traballo. Coñezo persoalmente responsables de empresas de tamaño mediano e grande que tomaron este tipo de decisións, mesmo sabendo que unha parte dos mellores valores da empresa tiñan que deixala, e que parte das rémoras ficarían nela ata o momento da xubilación.

En definitiva, a devaluación salarial (arredor do 4,5%) foi sufrida especialmente por persoas contratadas en precario, mentres que nos salarios de carácter indefinido a poda foi considerablemente menor. Tamén a maior parte dos tres millóns e medio de postos de traballo perdidos caeron sobre as costas dos máis vulnerables, o que supón unha evidente inxustiza.

Ora ben, discrepo da posición da Comisión cando afirma que hai que aproximar a situación dos contratos indefinidos coa dos eventuais recortando aínda máis os dereitos laborais. Concretamente, mediante a precarización dos actuais contratos indefinidos. Desde o meu punto de vista, ese tipo de medidas contribuiría a crear unha fenda maior entre as clases dirixentes (non falo só dos propietarios, senón tamén dos executivos) e as clases traballadoras, incluíndo aquí ás asalariadas e ao traballo autónomo, moito máis conservador no seu voto e na súa mentalidade, pero as máis das veces moito máis próximo ás condicións de proletarización e de vulnerabilidade social que unha parte do traballo asalariado. Ademais, ese tipo de medidas contraerían aínda máis o consumo e redundarían nunha maior desconfianza contra o actual sistema de convivencia.

Para gañar en eficiencia conviría introducir factores de flexibilidade (e mesmo de precariedade) na actual contratación indefinida; pero hai que facelo durante un período de bonanza, e non como unha nova medida que contribúa a afondar a aínda máis na crise social en que estamos mergullados. E, a cambio, habería que dotar de maior estabilidade e maior protección laboral ao resto dos traballadores. A equidade non pode servir para igualar a miseria, mentres as grandes fortunas aproveitan para medrar, afirmando que ese crecemento é a única saída posible da crise. O que nos leva a outra cuestión imprescindible para superar esta inxustiza: precisamos unha reforma fiscal seria. Non unha que manteña os impostos máis inxustos, os indirectos, a cambio de rebaixar a tributación directa, con maiores vantaxes para quen ten mellores salarios.

Sen estas dúas cuestións, unha mellora da protección laboral e unha fiscalidade máis xusta, as reformas continuarán chegado tarde e resultando inxustas. E non van servir para devolvernos a confianza nas institucións económicas, políticas e sociais.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s