Violencia simbólica, terror e morte arredor do fútbol

Violencia simbólica

O bo do deporte é que permite ás sociedades avanzadas substituír a violencia real como forma de competencia por formas simbólicas, ritualizadas, de enfrontamento. Esta ritualización presenta a vantaxe de que a competencia pode resultar pacífica, o recurso escaso obxecto de litixio pode ser exclusivamente a vitoria (ou outras formas simbólicas de recompensa), e a violencia real exercida entre contrincantes pode ser escasa ou nula. Esa sublimación do “thanatos” é posible porque existen unhas normas aceptadas polas partes, unhas regras de xogo, e un ritual para o seu exercicio. Non de balde, os estudos actuais sobre a socioloxía da relixión centran a súa atención no deporte e nas súas celebracións como formas modernas de relixión civil. Eses estudos poderían ampliar o seu foco e introducir á cidade como comunidade civil de referencia, deixando atrás as clásicas perspectivas nacionais (nacionalistas); en cuxo caso, a fondura e a penetración do deporte (e especificamente do fútbol) como relixión civil, aparecería con máis claridade.

Non se trata só de identificar o fútbol como “opio do pobo”, como gustan os seus detractores. Non está exento de importantes elementos de alienación. Pero nunha lectura máis poliédrica, que inclúa a perspectiva durkheniana do “relixioso” como o “social”, a religazón ritual coa comunidade civil de pertenza e coa comunidade de sentido, coa “pólis”, acontece a través do fútbol. Ora ben, desde esta perspectiva, os enfrontamentos entre seareiros teñen necesariamente unha dimensión política. E non están exentos do fanatismo que caracteriza o extremismo relixioso, sen necesidade de botar man de ningunha outra ideoloxía explicativa. Este punto de vista é radicalmente importante á hora de analizar o retorno da violencia real nos enfrontamentos entre afeccións que van máis alá do deportivo.

Terror

Pasei un ano estudando en Madrid. Vivía en Alcorcón, a cinco minutos da estación do tren. Non teño unha lembranza especialmente grata daquel tempo, pero serviume para crecer como persoa. Só gardo un recordo de espanto para as tardes de fútbol en que tomaba o tren. Acórdame que trataba de ocultar calquera símbolo ou síntoma da miña orixe, das miñas pertenzas, do meu compromiso social ou cívico. Non só agachaba a pomba da paz (na súa versión esquemática ou na figurativa), o labrego latinoamericano crucificado nunha espalladeira ou os signos visibles do meu voluntariado na prisión; sobre todo intentaba que ninguén me oíse falar. Porque era a fala o que máis delataba a miña orixe e a miña forma de estar no mundo. E porque sempre había agresións aos diferentes: na cor da pel, na forma de vestir, nas crenzas ou na lingua. Grupos violentos identificados cos equipos de fútbol que levan o nome da cidade sementaban o terror entre aqueles que consideraban inimigos. En grupos ou en familias, había protección. Pero cando un individuo illado entraba nun terreo poboado por Ultrasur ou por Frente Atlético, a tiranía do grupo impuña o seu terror. Lembro agresións verbais, violencia física e, certa tarde, unha malleira brutal dos Ultrasur a un mozo cunha camisola do Atlético de Madrid.

Iso si, cada pouco, os mendigos, os inmigrantes, a xente sospeitosa, era identificada pola policía no tren. Non lembro ningunha acción de rutina contra estas formas de violencia organizada, fácil de identificar, perfectamente visible e orgullosa do seu carácter. Acaso esa permisividade estaba asociada á defensa dos valores da “polis”, tanto da cidade de Madrid como da unidade de España. Ninguén admitirá con agrado esta afirmación. Pero nos discursos para o consumo propio, estaba sempre presente esta circunstancia.

O terror imposto por grupos violentos de carácter nazi era tolerado porque non atentaba contra os valores políticos dominantes, aínda que actuase contra os dereitos humanos básicos: o dereito á libre circulación, á identidade, ás propias ideas….

Morte

A miña experiencia sobre o terreo lévame a restarlle valor ás informacións que falan dunha pelexa, e a darlla ás que falan dunha agresión. A agresión foi respondida con violencia, sen dúbida, pero con medios moi inferiores. E cunha violencia defensiva. Equiparar vítimas e agresores, equiparar ambas formas de violencia, é unha forma de complicidade coa violencia dos fortes, unha forma de burla contra as vítimas, que son culpadas da súa sorte. Non estou insinuando con isto que os agredidos nunca usasen a violencia, mesmo de forma gratuíta e fundamentalista, mesmo de forma irracional ou fascista. Estou dicindo que, incluso se houbo provocacións verbais mutuas, uns ían preparados para matar, e iso fixeron, e os outros non. Se ese comportamento procede dun grupo organizado que emprega a violencia para aterrorizar, esa violencia debe ser considerada como o que é: unha violencia política de carácter terrorista. E, se a víbora ten máis dunha tobeira, haberá que ir buscala e extirpala, para que o deporte poida axudarlle á xente para a xestión pacífica dos conflitos, non para encirrala no odio e para enzoufala na violencia.

Advertisements

One thought on “Violencia simbólica, terror e morte arredor do fútbol

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s