A fiestra do asilo

Asilo

Hai unha fiestra aberta ao baleiro infindo do mar e o ceo. Houbo un tempo en que esta reixa separaba o mundo dos vivos do incerto mundo dos asilados, unha mestura de lembranzas e bágoas, de abandono e desespero. Era a fiestra onde findaban as preocupacións e as angueiras, sen poder acollerse aínda ao rostro descoñecido do alén que sempre ficaba lonxe. Tanto, acaso, como o mundo tras a reixa.

A luz da mañá viña do alto da Madroa, do esteiro do Verdugo ou da serra do Suído, onde corren ceibes os cabalos e as vacas paren soas no monte, no mesmo camiño que o lobo e a garduña. E cruzaba esa luz o paseo de Alfonso, onda o quiosco, para ficar pairando nesa entrada que quixo semellar gótica e apuntar ao ceo, mais hoxe é unha estampa lúgubre chea de sombras, cascallos e botellas esquecidas dunha cervexa fermentada na Barxa.

Os vidros procuraron acomodo no baleiro, escachando nun riso último de pasamento. E o vento norte pasea pola estancia, a penas peneirado polos listóns de madeira que separaban os ollares inzados de saudade do salitre e os chirlos das gaivotas.

Agora xa non hai parentes que acoden unha tarde ao mes para ver como murcha o pouco que queda dunha vida recluída sen claustro e sen gloria. Xa non dan escusas para non facer os recados da visita anterior. Non inventan un estado vizoso para os montes e as veigas, as agras e os eidos comestos dos codesos. Xa non hai quen lle pregunte á monxa polo que resta da saúde do parente esquecido fronte ao mar, de costas á vida.

Onde habitaba o esquezo, xa non fica máis que o silenzo… E o asubío senlleiro do nordés, nas tardes de frío.Asilo

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s