Decrecemento ou colapso demográfico?

Proxección a curto prazo (2024)

O Instituto Galego de Estatística (IGE) ven de facer pública este venres a súa proxección a curto prazo da evolución da poboación de Galicia. A previsión, para o conxunto do país, é dunha diminución da poboación arredor dun 5%, unha perda de 134.813 habitantes, como se desaparecesen en dez anos os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Touro e O Pino. Esta previsión confirma que estamos ante un declive demográfico intenso. Tanto que nos levaría a perder a metade da poboación nun século, se as cifras fosen lineales. A finais do século XXI vivirán en Galicia, se non cambian as tendencias, menos persoas das que había a principios do século XIX.

Poden cambiar as tendencias?

Claro que poden. Para mellor e para peor! Non hai máis que considerar a pirámide de poboación que se debuxa dentro dunha década:

Galicia 2024

En 2024 o groso da poboación estará chegando ao fin da idade reprodutiva ou xa ultrapasou ese límite. Calquera movemento de recuperación estaría baseado nas decisións colectivas de 1.112.000 persoas; mentres que 1.500.000 só poderían apoiar para o futuro as decisión que tomen as primeiras.

Pero  hai máis, case a metade das bisbarras de Galicia terán tres veces máis de persoas maiores de 65 anos que de menores de 25 e na área de Ourense-Sur serán catro veces máis. Esas bisbarras terán, sen dúbida, unha evolución moito peor que o conxunto do país.

Dualización do territorio

Estes datos apuntan a unha dualidade entre aqueles territorios que terán un declive suave (ou mesmo unha lene recuperación, como na área de Compostela) e aqueles que enfrontan caídas moi acusadas:

Mapa demográfico de Galicia 2024

De feito o IGE apunta a esa dualización intensa, sobre todo de considerar a bisbarra como unidade e non as áreas que agrupan varias comarcas:

Por áreas (agrupación de comarcas), as que presentarían un maior decrecemento poboacional no período 2014-2024 serían as do Carballiño-O Ribeiro cunha diminución do 17,6%, a de Lugo oriental, cun decremento do 16,7% e as de Ourense sur e Ourense central, cun descenso do 16,3% e 13,4%, respectivamente en todo o período. Por outra parte, a área de Santiago sería a única para a que se prevé un incremento de poboación, do 0,6%.

Segundo estas estimacións varias comarcas das provincias de Lugo e Ourense perderían máis da quinta parte da súa poboación nos próximos dez anos: A Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Trives, O Ribeiro, Terra de Celanova ou A Fonsagrada, con decrecementos no período 2014-2024 superiores ao 20%. Por outra parte, a única comarca que recuperaría poboación no período considerado sería a comarca de Santiago, con incremento do 2,2%.

Por iso cobra tanta importancia a análise da pirámide de poboación de bisbarras como O Ribeiro: trátase dunha pirámide invertida:

O Ribeiro 2024Non é improbable que acumule perdas de poboación similares durante outra década máis, cunha perda do 40% en vinte anos. Non sería unha crise demográfica como as que sufría Europa nos tempos das pestes, porque o período de desenvolvemento é algo máis dilatado no tempo. Pero non é un declive suave. Pode pasar que aconteza un auténtico colapso demográfico e que a poboación abandone un territorio que xa non se presenta como viable, buscando refuxio en espazos próximos que si o parecen, como Ourense ou Vigo, conforme ao mapa que presentamos arriba.

Pode haber outro horizonte? Depende do que fagamos colectivamente a partir de agora. Pero debemos ser conscientes de que calquera inflexión será posterior a este 2024. Os tempos, en demografía, non se resolven no transcurso dunha lexislatura.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s