Non culpen aos profetas!

Leo na prensa as declaracións do presidente da Real Academia Galega sobre A Mesa pola Normalización Lingüística: non sabe facer pedagoxía da lingua, ofrecer a súa cara amable e convencer á sociedade da súa conservación. A prensa pagada con fondos públicos fai eco dese aspecto e deixa no fusco o resto da reflexión de Alonso Montero. Algún creador de opinión aproveita para culpar a toda persoa que defenda o galego como lingua culta de afastala do pobo, de secuestrala, de causar a súa desaparición. O mesmo discurso do presidente da Academia, pero levado ao extremo. É difícil vivir nun país onde os que defenden a súa lingua son acusados de causar a súa desaparición.

Pero situemos este ataque (primeiro para unha organización, pero axiña para a esquerda nacionalista e para a intelectualidade non nacionalista que pretende vivir en galego con normalidade) nun contexto máis amplo,o do presente do país e o seu futuro inmediato. Estas reflexións prodúcense ao fío do coñecemento dos datos sobre o uso da lingua, que retrocede en case toda Galicia, e con moita forza nos espazos máis urbanos e socialmente dinámicos, na mocidade e na infancia.

Acontece nos mesmos días en que coñecemos que os galegos estamos dispostos a desaparecer como pobo; e que estamos decididos a facelo a un ritmo rápido, perdendo a metade da poboación en cen anos (aínda que amplos territorios do interior xa o farán nos próximos vinte e cinco).

E todo isto nun país sen sistema financeiro de seu, que ven de perder as súas Caixas de Aforros, que ficou sen a súa primeira empresa pesqueira e ve desaparecer ou minguar o resto, cunha industria naval vendida a empresas estatais estranxeiras ou sen capacidade de producir por mor das restricións impostas polo propio goberno (galego, español, europeo) sen máis articulación da produción agraria que a ofrecida por algunhas cooperativas agrarias, sen máis empresas relevantes de alta tecnoloxía que as que veñen de fóra … Un sistema produtivo minguante para un país minguante: a base reprodutiva, a estrutura produtiva e a superestrutura simbólica están a desaparecer.

HórreosPero os poderes públicos, cívicos e mediáticos decidiron culpar a quen levante a voz a prol dunha estratexia para a poboación, para o sistema financeiro, para o tecido produtivo ou para a lingua do pobo.

En demasiadas ocasións o galeguismo cívico e o nacionalismo político estiveron presos por leas cainitas, doutrinarias, ideolóxicas ou persoais, absolutamente estériles. Unhas poucas veces, grupos moi minoritarios dentro desas familias de seu pequenas e fragmentadas emprenderon camiños baseados no odio e na carraxe. Pero moitas máis veces persoas que pertencen a eses mesmos grupos estiveron dispostas a ceder dos seus dereitos cívicos e lingüísticos a prol da convivencia. Eu, pola miña banda, na miña vida oín a ninguén dicir: “non me fales en castelán”; pero teño que oír a cotío: “no me hables en gallego”. Unha herdanza, sen dúbida, do desprezo secular ao pobo, aínda que tamén das políticas de odio que foron impostas a ferro e sangue logo de 1936. As políticas de normalización, xenerosas desde bastantes puntos de vista, nunca puideron poñer en xuízo esas políticas de odio. E os altofalantes dos seus voceiros recibiron un financiamento xeneroso por conta das mesmas políticas de normalización, dándose o paradoxo de financiar ao mesmo tempo o uso normal do galego e aos medios que promoven a desgaleguización do país, eses medios que son xenerosamente financiados polos poderes públicos mentres critican as migallas que caen do lado da defensa da cultura do pobo.

Abonda xa! Se queren facer algo por un proxecto colectivo, non precisan darlles a razón aos activistas da Mesa. Pero procuren unha diagnose seria. Non culpen aos profetas!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s