Relacións diplomáticas plenas!

Eu tamén son dos que pensan que o restablecemento de relacións diplomáticas entre Cuba e Estados Unidos supón unha vitoria para a Illa e unha derrota para a oposición no exilio. En realidade, hai varias cuestións que me fan sospeitar que esa vitoria non é tan ampla como parece. Pero se tomo en consideración a carraxe que estoupa en Miami e o recoñecemento por parte de Obama do fracaso do bloqueo, entón hai que pensar que efectivamente, estamos diante dunha partida en táboas. Tomando en conta as dimensións económicas, políticas e, sobre todo, militares dos Estados Unidos, e a precariedade que se vive na illa, acabar unha partida que duraba máis de cincuenta anos en táboas é unha vitoria moral de primeiro orde. Que lle regala unha nova vida ao socialismo antillano, a cambio de ofrecer un rostro máis humano.

Houbo un tempo en que o acontecer político de América Latina dependía do que decidisen as embaixadas dos Estados Unidos. É coñecida a anécdota (acaso apócrifa) de Carlos Ménem preguntando a George Bush se sabe por que nos Estados Unidos non hai golpes de Estado. O mandatario americano non sabe que responder, pero esboza as respostas de calquera americano medio fronte a esta cuestión: somos unha democracia consolidada, temos unha cultura política distinta, a nosa sociedade civil é máis madura … “En absoluto”, responde Ménem, “é que nos Estados Unidos non hai embaixada dos Estados Unidos! Ha, ha, ha!”.

As revoltas contra as oligarquías, en todas partes, foron sempre, a un tempo, revoltas contra o dominio norteamericano. E o bloqueo, as sancións económicas contra Cuba, a Guerra Fría fóra de tempo e un castigo desproporcionado e inútil contra o pobo que habita a illa por ver de dobregar ao seu goberno, son as consecuencias públicas de afrontar ao amo de todo o continente nun lugar considerado como o seu eido desde antes da emancipación en 1898.

CubaÁbrese agora un tempo novo no que para min fican varias incógnitas, unhas sobre a xestación deste acordo e outras sobre o futuro a medio prazo. Sobre o acordo, non acabo de entender como a Unión Europea fica fóra e aparece no seu lugar a diplomacia vaticana e o Papa Francisco á fronte. Cada quen que pense o que queira. Vou considerar que Bergoglio é honrado, que non é o Ché Guevara pero que ten unha axenda política propia, coma no seu día tivo Xoán Paulo II. Só que en vez de querer acabar co comunismo en Europa, pretende acabar co anticomunismo en América. Durante as décadas de represión da Teoloxía da Liberación, a Igrexa Católica, lonxe de avanzar en América Latina, retrocedeu fronte ás Igrexas Evanxélicas made in USA. Pero tan rechamante é ese cambio de estratexia da Igrexa Católica como a ausencia de Europa.

Sobre o futuro, non sabemos aínda canto durará o bloqueo e como chegará a suprimirse. Porque, tomando en conta a efectividade que está a mostrar no caso ruso, chama a atención a esterilidade do caso cubano. Tampouco sabemos se o oxíxeno económico que chegará a Cuba reactivará a economía socialista como pretende Raul Castro ou acabará con ela para sempre, como pretende o equipo de Obama. Precisamente esa é a outra cara do acordo que descoñecemos, pero que intuímos: nin uns nin outros están a renunciar aos seus principios. Están abrindo un escenario de xogo totalmente novo, máis acordes cun mundo no que a Guerra Fría é unha lembranza resesa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s