Unha escola en Peshawar

A masacre do pasado martes, 16 de setembro de 2014 contra unha escola en Peshawar, Paquistán, na que morreron 141 persoas do centro educativo, na maioría menores, e os sete atacantes, deixa un regueiro de malas novas para o futuro da paz e da educación naquel país da India histórica torturada pola violencia desde antes da independencia (1947).

A orixe do ataque parece estar no debilitamento do movemento talibán de Paquistán. Tendo en conta a estreita relación entre o movemento talibán e o proxecto político de Osama Bin Laden, a debilidade debería constituír unha boa nova. As loitas internas de poder serían a causa inmediata do retroceso talibán sobre o terreo. Pero son as accións ilegais dos Estados Unidos, en vós non tripulados (drones) as causantes dunha parte desas disputas. A vulneración do Dereito Internacional, tan fráxil, tan manipulable, pero tan necesario, non será nunca unha boa noticia. Nin sequera cando se trate de loitar contra forzas que actúan á marxe da legalidade. Non debemos esquecer que foi a mobilización islamista contra a Unión Soviética en Afganistán, financiada polos sauditas e polos Estados Unidos a un tempo, a orixe do movemento talibán. Non se poden borrar erros do pasado acugulando novos erros. Esta é a primeira mala noticia a comentar.

Os principais obxectivos do movemento talibán en Paquistán son as escolas e os destacamentos militares. A escola de Peshawar cumpría o perfil de ambos obxectivos, polo que o ataque resultaba posible en calquera momento. Ben que o sabían os militares. E tamén os talibáns, que planearon o ataque vestidos de militares. En xeral, a rivalidade entre os militares e os movementos islamistas caracteriza ao conxunto dos países musulmáns. Trátase dun enfrontamento de dúas formas totalitarias de concibir á sociedade. A mala noticia aquí é que as escolas civís tamén son obxecto de ataques por parte dos talibáns. O intento de asasinato da actual premio Nobel da Paz, Malala Yousafzai non é máis que un episodio nunha longa cadea de represión de calquera forma de aprendizaxe que non pase polas madrasas de inspiración islamista.

Como consecuencia do ataque, Paquistán decidiu suprimir a moratoria sobre a pena de morte. Esta é outra pésima noticia. Non existirá un tránsito desde unha xustiza baseada na vinganza a outra fundada na restauración das relacións sociais mentres exista a pena de morte. O espanto que os crimes contra menores desarmados debe producirnos, non debería implicar, en absoluto, un retroceso á vinganza como forma de facer xustiza.

Por último, a insistencia no Islam como inspirador do terrorismo é a última mala noticia que chega desde Paquistán. A islamofobia é unha forma moi actual de xenofobia que dificulta a convivencia nun mundo globalizado. Un coñecido meu, vigués e paquistaní a un tempo, afirmaba falando dos ataques ás escolas: “talibán non é musulmán”. A pregunta obvia: “daquela, que é talibán?”. A resposta tórnase confusa para min. Acaso sexa máis comprensible en urdu, o seu idioma natal. Fica claro para min, en calquera caso, que o rexeitamento contra os crimes contra a educación e a cultura, perpetrados sobre menores desarmados, non entende de relixións nin de credos. O illamento da intolerancia é tarefa compartida polo conxunto da sociedade global; con independencia do credo de cada quen.

Defender a educación, o dereito das mulleres a acceder a ela, e a súa función a prol da paz e da convivencia, é o compromiso común que debemos reforzar en contra da intolerancia, para que cheguen boas noticias a Peshawar e ao mundo enteiro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s