SYRIZA (Coalición da Esquerda Radical) (1)

SYRIZA

Un problema: a usura

O problema non é, sen máis, a débeda. O problema foi a corrupción. Non só da clase política, hai toda unha sociedade cómplice. Non que toda a sociedade sexa cómplice; pero é necesaria esa institución social tan  propia das culturas mediterráneas que é o clientelismo para que as cousas cheguen onde chegaron. Quen o negue, pode predicar unha transformación que non tocará boa parte das estruturas de poder e dominación existentes desde os tempos do imperio romano. O problema foi o diñeiro rápido, a especulación, “neste país non se fai rico quen non quer”. E xa sabemos que non foron os pobres quen manexaron ese discurso. Pero tamén sabemos que moitos foron engaiolados por el.

EuroLogo viu a débeda. Había que devolver o que tiñamos de prestado. E non é doado cando o prestamista non se fía e pide a cambio de novas oportunidades de financiamento unha cantidade maior, un prezo máis elevado polo mesmo produto, o diñeiro, que debería ser unha forma de acumular traballo, compralo e vendelo. Pero que se convirte nun feitizo, nun fetiche, e cobra vida propia. Mesmo está disposto a cobrar vidas para seguir vivindo, coma un deus tirano.

O cristianismo do Sur de Europa, o católico de Portugal, España (tamén Irlanda), e o ortodoxo de Grecia prohibiu durante séculos prestar diñeiro con intereses, por constituír o pecado da usura (unha forma de roubo). Sempre houbo quen saltou esa prohibición. Pero a cultura financeira do sustrato cultural era esa. As Igrexas da Reforma acabaron con ese tabú. E permitiron un xogo máis flexible do mercado financeiro. Ese xogo que facilita recibir préstamos do Banco Central Europeo por debaixo do 1% de intereses (comprar o diñeiro barato) e venderlle ese mesmo diñeiro a certos Estados da Unión a interes de dous díxitos. Todo porque a prima de risco era excesivamente alta (en teoría o diferencial co bono alemán, na práctica, un conxunto arbitrario de indicadores creado por un oligopolio que enganou e pode seguir enganando sobre o estado dos sistemas financeiros internacionais dando orixe á crise). A raposa a gardar do galiñeiro.

Así, o peso dos intereses da débeda chega a ser maior o “principal” (o solicitado inicialmente). E, cada vez que se negocian prazos ou condicións, os intereses pendentes quedan incorporados ao principal da débeda, cos conseguintes intereses. Chega un momento en que, a pesar dos recortes no gasto público, a débeda segue indo a máis en vez de reducirse.

Por esta altura, temos xa en xogo un factor totalmente diferente da corrupción máis ou menos estrutural e do diñeiro rápido como resultado dunha Unión Monetaria imperfecta e da cobida como motor da sociedade. O factor que se converte en central é a propia débeda. Alguén pode decidir non pagala, desentendéndose dos compromisos adquiridos porque as regras de xogo foron crebadas. Pero pode pasar que alguén pida, alto e claro, unha ética que recoñeza a necesidade de devolver o principal da débeda, pero se negue a continuar co xogo da usura. Non se acabou, sen máis, o capitalismo financeiro. Só se están a revisar as súas máis elementais normas de xogo.

Parece ser que un coñecido especulador financeiro e filántropo dixo que el roubaba aos europeos mediante produtos financeiros porque Europa puxeran unhas normas que favorecían o roubo e penalizaban a solidariedade. E que deixaría de roubar o día en que as normas europeas desen máis importancia á seguridade xurídica e económica dos cidadáns que aos beneficios da Entidades Financeiras. Ben! Parece que vai chegando o día de revisar se as normas son xustas para as persoas e convintes para o sistema.

Para min, a vitoria de SYRIZA está causada pola usura. E pon en causa a usura como forma de relación entre as persoas e as institucións financeiras, entre os pobos e os bancos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s