SYRIZA (2)

Unha política: a austeridade

O remedio para frear a sangría económica sufrida polos Estados do Sur de Europa foi clara: realizar recortes nos orzamentos públicos para destinar os aforros xerados ao pago da débeda. Tratábase de evitar un rescate. Pero axiña aconteceu o rescate grego. Logo virían o irlandés e o portugués. Non se menciona o de Chipre porque non é un país sistémico dentro da zona Euro, porque é un país pequeno aínda que estivo moi asociado ao grego. E logo está o rescate de España que, fóra do rescate bancario, ninguén sabe se foi ou non foi tal. As políticas foron en todos os casos as mesmas. O que diferencia os casos explícitos dos que non o son é o memorando da troika, esa autoridade que lembra ao sindicato dos acredores da crise da débeda externa dos países pobres a final do século vinte, máis que a ningunha institución dos países democráticos.

Xunto coas políticas de austeridade viñeron as manifestacións, todo tipo de mobilizacións, un fervedoiro nas redes sociais (nas reais e nas virtuais), unha forte desafección política e un clima que chegou a parecer revolucionario. A coincidencia temporal entre a “primavera árabe” e a “xeración á rasca” creou a ilusión da primeira revolta conxunta nas dúas ribeiras do Mediterráneo nos últimos mil catrocentos anos.

O cainismo, o salafismo, o militarismo e a realpolitik acabaron de contado coa primavera arabe, deixándoa confinada a Tunisia e un montón de esperanzas rachadas.

Pero en Europa os movementos sociais deron paso a movementos políticos, sen desaparecer, convivindo ambos tipos de movemento. O decrecemento económico, o desemprego masivo e os recortes no benestar (algúns percibidos como absurdos) serviron de forza motriz deses movementos que acabaron por desestabilizar os ditados da Troika.

Os partidarios das políticas ditadas por Europa, o FMI e o Banco Mundial non paran de dicir que un país hai que gobernalo como unha casa, gastando o que se ten, e preparándose para as eventualidades dun futuro que non sempre vai ser mellor. A esas políticas chámanlles austeridade.

De fronte están os nostálxicos das moedas nacionais, das fronteiras e das devaluacións, aos partidarios do crecemento económico inducido desde o Estado mediante estímulos (keinesianos), que afirman que un país non é unha casa e a riqueza das nacións depende de factores diferentes que a dos individuos, aos partidarios da propiedade colectiva dos medios de produción e aos que queren abolir calquera tipo de Estado para avanzar de cara a unha sociedade autoxestionaria.Todos estes afirman que estamos diante de recortes, non só de gasto social, senón de dereitos.

Eu, pola miña parte, son partidario da austeridade. O futuro do planeta e da especie humana pasa por un decrecemento no consumo dos recursos naturais. E entendo que non queda máis remedio que aplicar esa austeridade á propia vida. Outra cousa é que temos vivido políticas centradas no equilibrio financeiro (considerado conforme aos dogmas da troika) e non no equilibrio co medio (a paz entre as persoas e coa natureza). Non é a austeridade que precisamos.

Pero esa é outra discusión. A nosa é que unha minúscula coalición de partidos e grupos da esquerda radical grega aproveitou a conxuntura da enorme contestación social aos memorandos da troika para lanzar unha proposta moi clara: Grecia debe poder decidir sobre o seu presente e sobre o seu futuro; non sobre a débeda, senón sobre o seu proxecto de convivencia.

Non importou que esa coalición (Syriza, máis tarde convertida en partido político para non ser penalizada polo sistema electoral grego) primeiro predicase o NON ao pagamento da débeda e máis tarde afirmase que había que renegociar unha quita, así como novos prazos e condicións. A xente o que quería oír é que hai outras formas de facer as cousas. E quería oílo porque a ortodoxia levou a gastar moito menos do que se ingresa como Estado e non por iso conseguir un crecemento económico (o de 2014, do +0,5% é ridículo en comparación do -25% que se vivira con anterioridade). Quería oílo porque gastando menos do que se ingresa, a débeda continúa medrando, coa súa lóxica perversa e absurda. Ao contrario: o cambio de discurso serviu para convencer a moitos. Non só porque soaba máis moderado, máis realista. Senón porque recoñecía a parte lexítima da débeda e cuestionaba a lexitimidade do sistema artellado para pagala.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s