Presentamos onte en Vigo a obra colectiva Galicia, un pobo con futuro? O noso devalo demográfico. Foi un acto moi intenso na librería Andel, na rúa das Camelias, en Vigo, coa presenza de Manuel Bragado como editor e de Manuel Blanco Desar como coordinador. Foi un pracer acompañalos.
Pero o máis satisfactorio para min foi o pequeno grupo de persoas que tratou de comprender canda nós o problema. Un grupo moito máis nutrido que o que tiveramos cando os foros de natalidade e vellez en Galicia do Museo do Pobo Galego que deron orixe á publicación. Formado por persoas entusiastas e críticas, con ánimo de procurar explicacións e camiños que aínda sexan quen de facernos viables como pobo, a pesar do noso inevitable devalo.
E, o que máis me interesou de entre o público foi o intenso debate que realizamos sobre a relación entre natalidade e xénero. Porque, por unha parte é necesario que a solidariedade entre o conxunto da sociedade e as galegas e galegos menores de idade teñan como canalización a administración que deses recursos fagan as nais. E dentro deses recursos deben entrar os políticos (voto), os sociais (recursos e acceso) e económicos. Só estes últimos supoñen unha proletarización da natalidade que non será de todo positiva. Pero o empoderamento das mulleres a través dos recursos pode provocar unha consolidación dos roles de xénero patriarcais que debe ser evitada.
Deixar unha resposta