Morrer de fame en Canarias

Leo, con retraso, a nova da morte dun matrimonio de xente maior en Canarias. Os medios de comunicación convencionais recollen a noticia e fanse eco da causa da morte: inanición. Nun blog alternativo chámaselle ao mesmo feito por outro nome: fame.

Vivenda de Jacinto e Blanca. Foto Eldiario.es
Vivenda de Jacinto e Blanca. Foto Eldiario.es

Non é unha diferenza puramente léxica, non é a escolla dunha palabra. Hai unha diferenza semántica. A fame fai referencia a unha carencia continuada que afecta á nutrición e que, sostida no tempo, leva á morte. Inanición implica desventura. Fame implica privación e, nas nosas sociedades opulentas, implica inxustiza.

Para min, non hai dúbida de que, ademais de inanición, estamos ante un caso de fame e, por tanto, dunha inxustiza. Ora ben, convén atender á natureza da inxustiza para evitar que se reproduza, porque a vida non a podemos devolver.

Desde o meu punto de vista no noso contexto social a razón da fame é a exclusión social e non simplemente a pobreza. A privación material non é tan severa que conduza á morte (e xa mantiven esta óptica cando morrera un menor en Ponteareas xa hai anos e por razóns similares). É importante esta referencia, porque daquela non comezara a crise, e había xente que quixo apuntar daquela á responsabilidade dos Servizos Sociais. Agora, coa crise, téntase poñer o foco na inxustiza estrutural. A sociedade era xa profundamente inxusta entón. E os servizos sociais tamén poden ter algún tipo de responsabilidade hoxe. Pero a exclusión social non é un fenómeno creado polos Servizos Sociais. Os problemas derivados da falta de vínculos sociais e da ausencia dunha rede de axuda mutua (cando non existe familia próxima que poda axudar, como nos casos que estamos a comentar), só poden ser abordados de forma cabal por outros vínculos comunitarios que acheguen un apoio suficiente para evitar un desenlace fatal.

Por suposto que os recursos están distribuídos de forma inxusta. Pero a diferenza entre este matrimonio que acaba morrendo de fame e outras moitas parellas que viven de pensións exiguas está no tipo de relacións familiares e sociais que mantiñan. Moitas outras persoas sofren precariedade económica e privacións materiais. Pero a fame, neste caso, chega da man do illamento social. Por iso, hai que insistir en que unha sociedade non só é inxusta cando distribúe mal a riqueza. Senón que tamén o é cando non é capaz de mirar polos seus membros máis débiles, desde o punto de vista da cobertura das necesidades humanas de alimento, vestido, vivenda, pertenza e afecto. Perdidas estas dúas últimas, os nosos protagonistas, por causa da idade e das privacións, víronse sen posibilidades sociais de cubrir a primeira e máis básica.

Cando o individualismo e a despersonalización levan a facer fráxiles as relacións de proximidade que daban lugar ás antigas comunidades, é necesario recrear a solidariedade en condicións sociais, imparciais e accesibles a calquera persoa. E iso debe incluír tamén unha dose de pertenza e de afecto que evite morrer de fame en lugares onde sobra comida, mesmo comida que está dispoñible de balde para persoas sen recursos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s