Adeus a Pía!

Unha xitana na xeira da transformación social

A pasada semana despedimos á Tía Pía (María de la O Jiménez), a nai de Lupe Jiménez, a xitana asasinada polo seu home en febreiro de 2014. Foise de repente, sen avisar… Falaba por teléfono cunha persoa da súa parentela cando lle fallou o corazón. Quedouse!

O asasinato de Lupe acadou unha enorme relevancia porque foi o primeiro crime de xénero entre a comunidade xitana en Galicia en ser recoñecido e publicitado. Asemade, deu orixe a pronunciamentos de condena dos delitos de violencia de xénero por parte de moitas mulleres xitanas e de figuras moi coñecidas entre a comunidade. Foi como unha toma de conciencia colectiva respecto dos dereitos das mulleres xitanas que transcendía á cuestión da violencia e cuestionaba en público os roles tradicionais. Ademais, deu orixe a unha polémica pública sobre os límites dos costumes de determinadas comunidades culturais á hora de aplicar unha determinada norma consuetudinaria cando entra no terreo do dereito penal.

Compartín na intimidade a dor da familia. Pero considero útil facelo tamén en público, porque coa morte da Tía Pía queda un oco moi difícil de encher na súa familia. Co paso do tempo e coa morte do seu home, ela debeu adquirir un rol complexo de cabeza de familia. Unha familia integrada por varios fillos con diversidade funcional motriz, por varias fillas casadas, separadas e retornadas ao fogar familiar, por unha sobriña acollida como filla e por varias netas. Unha familia complexa, que reflicte a posmodernización das familias galegas: as familias xitanas en Galicia non son alleas en absoluto a ese proceso de posmodernización. Cómpre un manexo dun gran repertorio de habilidades relacionais e de xestión para levar adiante unha familia desas características. E Pía tiña todas esas habilidades.

Asistentes ao relatorio de Pía sobre a comunidade xitana no CPI O Toural
Relatorio de Pía sobre a Comunidade Xitana no CPI O Toural en 2013

A súa vida, máis breve do que podemos esperar hoxe na nosa terra, foi particularmente intensa. Viviu unha transformación moi acelerada da sociedade e do seu pobo. Naceu cando aínda os xitanos andaban nos camiños con carromatos, acampando á beira dos ríos e vivindo de facer cestos de vimbio. Viviu como os carros daban paso ás chabolas, nos arrabaldes das cidades. E como despois viñan as casas, as vivendas unifamiliares como a súa, en contornos rurais, ou en pisos en altura. Viu como a droga asexaba á mocidade e roubaba para sempre unha parte das flores temperás. Participou no tránsito desde o culto católico, onde os xitanos tiñan un rol subalterno, ao culto evanxélico, no que eran protagonistas, e que lles serviu para erguer valados de protección fronte aos perigos das novas formas de socialización. Mandou aos seus fillos á escola e pretendeu que a educación formase parte do seu ser xitana, aínda que non chegase a ler e escribir con fluidez. Aprendeu a conducir e sacou o carné cando foi necesario no medio de toda esa transformación. Asumiu o loito de perder fillos antes de tempo, ao seu compañeiro, á súa filla Lupe. Ofreceuse como salvagarda da actividade laboral da familia e tamén do seu acceso á saúde e á protección social. Reclamou dereitos para as mulleres xitanas e recoñecemento do seu papel de vítimas… E todo sen perder de todo a súa condición de muller xitana, coas súas contradicións, entre a modernidade e as tradicións, entre a apertura aos ventos novos e o conservadorismo. Esas contradicións non anulan, en absoluto, as leccións da súa vida. Ao contrario, énchenas de realismo. Axúdannos a aprender dela!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s