Cataluña 2015

Aínda que a miña previsión é que o ano 2015 rematará sen unha gran alteración do sistema político español, e que unha boa parte dos cambios nas tendencias de voto e de xestión xa se produciron, fago unha importante excepción no que respecta a Cataluña.

As eleccións do vindeiro domingo van abrir un panorama de forte división entre os partidarios da independencia (Junts per el Si, CUP) e o resto das forzas que podemos considerar unionistas en diferentes versións (unitarias, autonomistas, federalistas). Esa forte división política reflicte unha división existente na sociedade catalá na que progresivamente foi gañando terreo a idea da independencia, sen que o resto das ideoloxías chegase a un consenso sobre o modelo territorial alternativo a ese ideal.

Quero marcar a miña particular opinión sobre a situación que se está a vivir e que se vai vivir en Cataluña despois deste domingo, aínda que logo teña que arrepentirme e cambiar de opinión. É preferible ter que corrixir que calar polo medo a errar.

Son máis partidario dos procesos de integración que dos procesos de segregación. Con anterioridade xa me referín a esa preferencia neste mesmo lugar. E non teño ningún medo a manifestar de novo esa preferencia. En certo modo, eu estaría máis do lado dos unionistas que dos independentistas.

Sen embargo, considero que non hai ningún suxeito político “natural”. O carácter político só ten unha limitación nos procesos de emancipación que é a persoa individualmente considerada; e nos procesos de integración é a humanidade enteira o único suxeito político que podemos considerar natural. O resto son construcións socioculturais e xurídicas. E, por tanto, son modificables mediante consensos.

Os actores do consenso deben ser, preferentemente, as comunidades humanas implicadas. Desde es punto de vista pode parecer moi razoable que se lle pregunte ao conxunto dos cidadáns de España ou da Unión Europea sobre a eventual emancipación de Cataluña, porque están efectivamente afectados no seu conxunto. Pero a convivencia entre os pobos, igual que a convivencia entre as persoas, é consensual. Cando unha das partes quere disolver a unión, a indisolubilidade serve para incrementar o sufrimento, non para resucitar o amor.

Ora ben, mentres unha persoa ten unha definición concreta, tanxible, os pobos son unha construción moito menos tanxible que os Estados, moito máis ideolóxica, sometida a procesos simbólicos que, ao final, non deben render contas máis que aos seguidores desa definición de comunidade popular. A primeira Ilustración e o Idealismo consagraron ao Estado como destino xurídico da vida colectiva. E o romanticismo reivindicou que cada pobo ten dereito a un Estado propio. O fin da Idade dos Imperios e o advento do tempo das nacións xestouse no século XIX, pero tivo os seus efectos máis destacados a finais da I Guerra Mundial e nos tempos da descolonización.

O catalanismo político é fillo destes procesos históricos e solicita a creación dun novo Estado para darlle dereitos políticos a un vello pobo. Pero igual que Cataluña como nación é unha creación cultural en contra do Estado central, tamén España como nación é unha creación cultural, que tivo sempre os poderes do Estado ao seu favor. E, a pesar das acusacións de esencialismo, hai bastante tempo que o catalanismo político cambiou a terminoloxía nacionalista pola independentista. Ese cambio non é puramente táctico. Tratábase de marcar distancias coa dimensión esencialista que teñen os nacionalismo románticos e marcar un terreo de xogo no ámbito do legal e o consensual. Non é que Cataluña sexa unha nación histórica asoballada que quere recuperar un estatus que tivo no pasado e que perdeu. Trátase de construír un suxeito político soberano, aquí e agora. Por suposto que as alusións ao pasado ou aos agravios do presente funcionan como catalizador para ese proceso de construción dun novo suxeito político. Pero que ninguén se engane: esa maioría social que quere construír un novo suxeito político non está ancorada nos discursos do volksgeist, senón nunha visión republicana e funcional do que significa a emancipación dun territorio.

Espero que o día 28 en vez de discutir sobre esencias nacionais poidamos facelo sobre proxectos de convivencia. E, sinceramente, coido que iso é o que están a pedir a maioría dos cataláns, con independencia da opción política que escollan o domingo, ou se prefiren irse a pasear pola montaña ou á beira do mar porque consideran que as eleccións entre partidos, así configuradas, non os representan.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s