Unha noite nas urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro

Hospital Álvaro Cunqueiro

Imaxinemos que unha persoa pense que o novo Hospital de Vigo era unha infraestrutura necesaria. Imaxinemos tamén que a persoa en cuestión non acudiu á manifestación en contra do novo hospital, que non se dedicou a ler a información que pon en solfa a xestión das autoridades sanitarias e da Xunta de Galicia e que considera unha irresponsabilidade darlle alento a quen fixo todas esas cousas, porque ao final impiden valorar na súa xusta medida os esforzos dos profesionais sanitarios e das autoridades públicas. E imaxinemos, por último, que a persoa en cuestión considera que existe a posibilidade de colaboración entre instancias públicas e privadas a prol da provisión de bens públicos (ou só parcialmente públicos) como é a Sanidade. E que o importante para esa persoa non é a titularidade senón a vocación de servizo público, a orientación ás persoas e a existencia dunha autoridade pública que actúa de reguladora e de garante da universalidade e equidade das prestacións.

Debo facer unha anotación: non fai falta demasiado maxín! Coñezo persoas que están en varios e mesmo en todos os supostos anteriores. E son xente normal e chea de boa intención.

Ora ben, que pasaría se esa persoa fose dar unha noite calquera ás urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro? Pois que podería atoparse, por exemplo, cunha nai soa que leva ao seu fillo de escasos meses de idade a urxencias a principio da tarde e que debe pasar a noite toda alí. E cando sae, desesperada, aínda debe pagar unha cantidade que supera os trinta euros. Ou outra, nunha situación similar, á que lle extravían as análises do seu bebé (dentro do propio hospital!) e debe agardar 18 horas; e cando quere realizar unha reclamación dinlle que non hai follas de reclamación; e cando despois de chamar á policía, porque están sendo vulnerados os seus dereitos, danlle un folio en branco para que escriba; e logo de escribir, dinlle que alí non hai rexistro, que vaia pola mañá en horario de atención ao paciente ou que use outro dos rexistros do SERGAS.

Eu isto non o vin, pero o segundo caso contoumo unha das mozas que atenden a cafetería onde normalmente tomo café a media mañá, que lle pasara a ela. A ira, a carraxe e o descrédito do hospital e dos seus responsables para esta muller son inenarrables.

O que si vivín foi chegar cunha persoa que ven diagnosticada por un servizo médico de urxencias da rede pública de Vigo, atendida por unha enfermeira e por un médico, con probas realizadas e cun diagnóstico escrito, e entrar no sistema de triaxe que consiste en ser atendida por un enfermeiro que determina a urxencia do caso sen facer ningunha proba, só con preguntas que aproximan un posible diagnóstico, polo que haberá que agardar o que determine o código asignado. É serio, porque a triaxe foi creada para axilizar a diagnose dos pacientes máis graves ou aos que resulta máis urxente atender, non para anular un diagnóstico feito e comezar de cero. Tamén é serio porque a proba en cuestión non pode ser solicitada por ningún outro mecanismo que non sexa a atención hospitalaria urxente, o que dá idea da gravidade potencial da situación e da imposibilidade de acceso desde ningún outro punto do sistema público de saúde. Tamén é serio que o tempo asignado sexa dunha hora e pase máis de hora e media sen que ninguén saiba absolutamente nada do asunto. E, cando se quere reclamar, novamente a ausencia dun mecanismo para facelo (iso si, agora xa con follas de reclamación a dispor).

O que si vivín é a presenza na mesma sala de espera dunha moza xa diagnosticada de apendicite polo propio sistema público de saúde, á que se lle asigna un código verde, e daquela dúas horas de espera. Á que, por suposto, se lle dá a mesma consideración que a quen carece de diagnose clínica previa e non foi derivada por outro punto de atención urxente do propio Servizo Galego de Saúde. Á que se lle esgota o tempo de espera sen ser atendida e só cando a apendicite comeza a cursar con violencia, ameazando unha peritonite, aparecen cunha cadeira de rodas e con dúas camas para atendela.

O que si vivín é a presenza na sala dunha muller maior que leva máis de catro horas de espera, que está desorientada e quere saber cando vai ser atendida ou se pode marchar sen correr riscos, e a quen se lle insiste que ten que esperar e que non pode irse tranquila sen ser atendida polo persoal médico, porque o sistema de triaxe é de clasificación, non de diagnóstico.

Había máis historias esa noite, algunha, por desgraza, de persoas moi próximas a min. Pero non é necesario deterse en cada unha delas. Creo que é suficiente para dar unha idea da improvisación, da falta de delicadeza coas persoas que están enfermas e cos seus familiares, coa falta de sentido do servizo público na organización hospitalaria, coa tensión do persoal médico e sanitario, do enfrontamento constante cos pacientes e da sensación de que non hai nada nin ninguén que poda valernos dentro dese hospital. O pouso que queda é a percepción de que ese hospital arrincou de nós algo familiar que era o vello Hospital Xeral, e que non ofrece unhas prestacións nin un trato humano equiparable. E, no pouso máis fondo fica a impresión de que alguén quere que marchemos e non volvamos.

Preguntaba unha persoa se era posible marchar a Montecelo para ser atendida alí. Unha persoa que segue crendo que é posible contar cunha sanidade pública de calidade, que existe e que está ao noso alcance, aquí en Galicia. Pero que chegou ao convencemento de que non existe en Vigo e no Hospital Álvaro Cunqueiro. Así, quen de boa fe pensaba que as críticas e as protestas carecían de fundamento, acaba por comprobar que temos un grave problema e que, pese ás proclamas de normalidade, está moi lonxe de solucionarse.

Advertisements

One thought on “Unha noite nas urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s