Escribín no meu libro Abrente Incerto que os dereitos humanos forman parte do patrimonio ético da humanidade e que constitúen a única base certa para unha ética común. Non porque fosen suficientes para garantir a vida, a dignidade e a paz, ou porque non pecasen de eurocéntricos. Senón porque, a pesar das deficiencias, forman un corpo sobre o que construír un consenso amplo para unha vida verdadeiramente humana para toda a humanidade.
Hoxe, a ONU lanza unha campaña a prol dos dereitos e as liberdades. A nosa obriga ética é difundila, loitar para que sexa posible:
“O Día dos Dereitos Humanos celébrase todos os anos o 10 de decembro. Conmemórase o día en que, en 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. En 1950, a Asemblea adoptou a resolución 423 (V), convidando a todo os Estados e organizacións interesadas a que observen o 10 de decembro de cada ano como Día dos Dereitos Humanos.
Nesta ocasión o Día está dedicado ao lanzamento dunha campaña dun ano de duración para conmemorar o 50 aniversario dos dous pactos internacionais de dereitos humanos: o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, que foron adoptados pola Asemblea Xeral o 16 de decembro 1966.
Os dous Pactos, xunto coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, constitúen a Carta Internacional de Dereitos Humanos, que establece os dereitos civís, políticos, culturais, económicos e sociais que ten todo ser humano ao nacer.
«Os nosos Dereitos. As nosas liberdades. Sempre» ten como obxectivo promover e dar a coñecer os dous Pactos no seu 50 aniversario. A campaña vira en torno ao tema dos dereitos e liberdades (a liberdade de expresión, a liberdade de culto, a liberdade a vivir libres da miseria e a liberdade a vivir sen medo) que sustentan a Carta Internacional de Dereitos Humanos. Estes dereitos e liberdades son tan relevantes hoxe como cando se adoptaron os Pactos hai 50 anos.”