Monicreques

Unha reflexión sobre os límites da liberdade de expresión

  1. Non gusto do xénero dos títeres de cachiporra. A violencia que lles é intrínseca, a crítica feroz do orde social a través de toda índole de desordes e o recurso constante a un esperpento grotesco fai que non resulte do meu agrado. Son un home conservador (aínda que non no sentido habitual do termo) e considero que existen formas máis elegantes e sutís de criticar o desorde socialmente establecido, o fariseísmo imperante, o abuso constante do poder e da forza…
  2. Esta introdución podería ser unha mera captatio benevolentiae, se non fose pola lembranza intensa que teño da miña última experiencia nun teatro de títeres ao aire libre. Os monicreques divertían ao meu fillo máis novo, que daquela era un neno. Pero tamén me incomodaban a min, consciente da amargura fonda que agochaba a mascarada dramática á que asistíamos. Tiven que facer un esforzo interno para non irme… E iso que era un espectáculo considerado infantil.
  3. Precisamente porque non me gustan ese tipo de monicreques, recoméndolle vivamente a quen non os queira ver, que non vaia. En calquera país tolerante, civilizado e pluralista aquí debería morrer o conto. Pero vivimos tempos escuros, e parece que hai quen non pensa así. E que ten poder e determinación para meter na cadea a dous artistas polo feito de abusar dos recursos estilísticos do xénero.
La Bruja y Don Cristobal
Personaxes da obra La bruja y Don Cristobal, de Títeres desde Abajo
  1. Unha das herdanzas do liberalismo clásico é a liberdade de expresión. Para que exista unha convivencia pacífica de opinións diverxentes, o único límite deste dereito debe estar na seguridade colectiva e no honor persoal. Nunca hai que poñer o límite nos gustos de cada quen, na exaltación de organizacións que non existen ou na crítica ao estamento xudicial ou ás forzas e corpos de seguridade do Estado. Mentres non se incorra na calumnia e na difamación, mentres non se incite á militancia en organizacións ilegais ou á comisión de crimes, o xénero que nos ocupa é tan lexítimo como a novela negra, chea exactamente das mesmas críticas, pero con escenas moito máis truculentas e verosímiles. Esa verosimilitude convérteas en artefactos moito máis perigosos, porque os monicreques implican unha distancia narrativa que non sempre ten o xénero negro. No caso do espectáculo La bruja y Don Cristobal, as consideracións ideolóxicas están privando de liberdade a dous cidadáns que acaso non merecerán nunca o premio Nobel de Literatura, pero tampouco están alimentando a militancia en ningunha organización terrorista.
  2. Ora ben, a súa detención e ingreso en prisión paradoxalmente é un indicador de que a crítica social e política do seu espectáculo de monicreques está ben fundamentada: vivimos nunha sociedade no que autores confesos de delitos violentos andan libres, na que hai persoas que incitan á violencia en público e parecen respectables, mentres que aquelas persoas que se atreven a retratar o mundo ao revés en que vivimos poden ser encadeadas. Non serei eu quen vaia aplaudir a obra, pero deixemos libres aos creadores e centremos os debates sobre a nosa seguridade colectiva onde verdadeiramente deben estar: na loita contra a violencia de xénero, no freo das organizacións terroristas e no crime organizado. O resto son foguetes de feira ou violacións dos dereitos humanos amparadas na lexislación vixente.
Advertisements

One thought on “Monicreques

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s