Na inauguración dunha Igrexa Evanxélica (romanesa) en Vigo

Por invitación de Vasile, un xitano romanés a quen aprecio, asistín na noite do venres 12 de febreiro á inauguración da Biserica (Igrexa) Evanxélica da comunidade dos romaneses en Vigo. En honra á verdade, só asistín ás dúas primeiras horas da celebración, que se demorou ata entrada a madrugada. Porén, foi tempo suficiente para cumprir co meu compromiso social de acompañar a xente que aprecio nun momento que estas persoas consideran importante.

A barreira do idioma, dado que o meu nivel de compresión do romanés falado e cantado é escaso, fixo que non puidese comprender a cerimonia na súa totalidade. Con todo, a linguaxe non verbal, a música e a miña experiencia noutras celebracións evanxélicas permitíronme estar cómodo e participar adecuadamente no acontecemento.

A alma dun mundo sen corazón

A miseria relixiosa é, nun dos expresión do sufrimento real e unha protesta contra o sufrimento real. A relixión é o suspiro da criatura oprimida, a alma dun mundo sen corazón, xa que é a alma de condicións sen alma. É o opio do pobo.

  1. Marx. Zur Kritik der Hegelschen Rechtsphilosophie

Despois de tantos anos de aparición do evanxelismo entre os xitanos en Galicia (hai máis de vinte cinco anos que asistín por primeira vez a un culto e hai máis de trinta e cinco que se abriu a Igrexa de Filadelfia en Tui, onde eu vivía), unha das cuestións que segue chamando a miña atención, é a relación entre a irrupción dos movementos relixiosos de carácter evanxélico e o mundo da discriminación e a exclusión social. Os cultos evanxélicos agroman entre os colectivos sociais que sofren diferentes formas de marxinación. E articulan unha resposta cultural propia, que os dota de identidade, de sentido e de normas propias. Teñen liberdade para expresarse na súa lingua, empregando as súas formas culturais, incluíndo a música, e os líderes relixiosos forman parte do propio colectivo, non proceden de elites culturais percibidas como alleas, como adoita a acontecer cos líderes relixiosos das igrexas maioritarias.

No caso dos romaneses en Vigo, a lingua e a extracción social son determinantes para identificarse coa nova Igrexa. Ora ben, non se trata dun fenómeno que aconteza na diáspora, fóra de Romanía. As comunidades xitanas en Romanía veñen organizando os seus cultos evanxélicos, á marxe da Igrexa Ortodoxa e doutras confesións tradicionais no país. Tiven ocasión de comprobar in situ a importancia que se lle concede nestas comunidades á aparición desas congregacións, desconformes coas normas da maioría, inconformistas e emprendedoras.

O relixioso é o social

En ocasións acontece que as maiorías convertémonos en minorías ao atoparnos nun contexto diferente. De súpeto Antía e eu, que acudiamos convidados, vímonos rodeados de romaneses no medio dun salón que albergaba máis de duascentas persoas, entusiastas da inauguración da súa nova Igrexa. A maioría de mulleres e homes polo seu aspecto e pola súa forma de vestir, eran xitanos. Viñeran os máis deles de Vigo. Pero moitos achegáranse desde Portugal. E, polo que puiden entender, tamén do resto de Galicia e mesmo de Madrid.

A Igrexa reproducía á perfección a pirámide de poboación da poboación romanesa de Galicia. Tratábase dunha mostra perfecta. Iso fíxome pensar na afirmación de Durkheim que o relixioso é o social, especialmente nas sociedades primixenias. Con isto non quere dicir que non exista increnza e mesmo rexeitamento da relixión nesas sociedades. Igual que nas sociedades aborixes australianas que Durkeim toma en consideración, e nas que había individuos que decidían conscientemente no participar dos rituais e das normas do grupo, tamén aquí faltaban moitos romaneses que viven en Vigo. Pero o sentido da afirmación é outro: a relixión produce sentido social e serve para a reprodución social.

Por ese motivo, non é de estrañar que fose moi apreciable unha forte segregación de xénero na Igrexa, e que as mulleres adquirisen un rol secundario. Cando eu saín, elas nin sequera comezaran a cantar as cancións que lles eran propias. Ata o momento, o canto fora dirixido por homes, que facían de solistas e de animadores. As principais cancións foran coreadas tamén polos homes, que mesmo batían palmas, entusiasmados. Que elas estaban relegadas a un segundo plano resultaba patente, máis alá da evidencia de que eran eles os pastores.

Pero tamén estaba presente a espontaneidade, a capacidade de saudarse, de recoñecerse, de falar abertamente, mesmo cuestións persoais no medio da celebración relixiosa.

E estaban os nenos, xogando, movéndose dun lado a outro con liberdade, enredando nas súas cousas, salvo nos escasos momentos nos que a emoción colectiva transformada en oración espontánea e tumultuosa atraía a súa atención.

Nun único acto facíase presente, como unha revelación, tanto a capacidade da relixión de crear lazos construtivos e positivos, emancipadores, como de reproducir as relacións de dominación da sociedade, a arela dunha vida mellor non menos que a pasividade de quen todo o espera do ceo.

O factor relixioso na sociedade intercultural

Non teño dúbidas de que a secularización é a mellor salvagarda para a convivencia intercultural. Sen un convencemento pleno da dimensión secular do convite de Vasile, eu non tería acudido á inauguración da súa Igrexa. Son os valores comúns os que nos permiten convivir.

Pero non teño ningunha dúbida de que as sociedades secularizadas seguirán albergando grupos fondamente relixiosos. E mesmo producindo novas formas de relixiosidade. A función da militancia a prol da sociedade intercultural non está en negar esas formas de comportamento social que apelan á transcendencia, senón de integralas nunha comprensión máis ampla, na que existan puntos de acordo entre persoas relixiosas e laicas, en sociedades que, sendo plurais, permitan a liberdade de conciencia e de culto, pero que non utilicen esa liberdade para impoñer unilateralmente unha determinada visión do mundo, unhas determinadas normas e unhas determinadas formas de poder e de opresión.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s