A crise dos refuxiados e a desintegración europea

Resulta altamente probable que nas próximas horas os xefes de Estado e de goberno da Unión Europea (o Consello da Unión) aprobe un acordo para devolve a Turquía á maioría dos refuxiados que crucen a Lesbos. O Parlamento, con maioría do Partido Popular Europeo e do Partido Socialista Europeo, xa rexeitou o acordo, na forma en que se coñecía. Se o sistema representativo funcionase de forma verdadeiramente democrática, a voz do Parlamento sería suficiente para que os gobernantes non se atrevesen a contradicir a voz do pobo. Pero a Unión Europea ten un serio problema para facer convivir a voz da cidadanía no seu nivel agregado e as formas de Soberanía Nacional que perviven e que ameazan co esgazar e mesmo esfarelar a Unión.

Por outra banda, tampouco podemos enganarnos sobre as pretensións dunha parte moi importante da cidadanía europea, esa que vota por forzas xenófobas, autoritarias e criptofascistas, esa que trata por todos os medios de impedir que avance a integración rexional e que propoñen erguer muros de separación entre os propios europeos e mesmo entre os propios nacionais, para segregar aos puros dos hirsutos. A correlación de forzas entre quen pensamos en claves de convivencia e os que o fan en clave de segregación comeza a asustar.

O problema é máis grave en canto que Turquía non é un país neutral na guerra de Siria, nin está na mesma liña que certas potencias europeas como Francia. Só que as desavinzas existentes, que son ben grandes, fican tapadas polo paraugas da OTAN. É importante defender as alianzas militares, mesmo cando sabemos que non están servindo para nada en Siria, salvo para facer máis complicada aínda unha saída puramente interna. Así, ninguén vai parar a máquina de guerra de Arabia, nin a de Turquía; e ninguén ten forza moral para parar a máquina de guerra de Rusia, que marcha hoxe e volverá cando lle interese. Devolver á xente a un país belixerante vai contra o dereito ao asilo. E compromete a memoria fundacional da Unión Europea, na que o compromiso de que a guerra non volva a Europa está relacionado cunha defensa incondicional dos Dereitos Humanos fronte á violencia. Con outras palabras: a Europa Unida é un soño fronte ao retorno do fascismo e da guerra. Entregar aos refuxiados de novo á guerra é traizoar aos millóns de mortos da II Guerra Mundial, traizoar a memoria das nosas vítimas, estivésemos no bando en que estivésemos.

Engadir este novo problema ao creado cos rescates dos países do Sur, que se pretendeu resolver coa humillación de Grecia, e ao problema creado coas cesións ao Reino Unido, que converten á Europa nun club financeiro, pero afastan o camiño da unidade, significa aceptar a descomposición das bases morais do soño dunha Europa Unida como un paso necesario para unha humanidade unida.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s