Conflito, mediación e intervención policial

faro-chapela-3234234-18_g
Foto: Faro de Vigo

Onte, 12 de abril de 2016, foi un mal día para a comunidade xitana de Galicia. Quen se postulara durante máis dunha década como o lexítimo representante do pobo xitano de Galicia foi detido xunto con outros membros da súa familia no curso dunha enorme operación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado por cousa dun conflito entre xitanos.

Sinaí Jiménez foi a cabeza visible de entidades como a Asociación Pueblo Gitano de Galicia ou, máis recentemente, Sociedad Gitana de Galicia. Pero, máis alá das súas actividades asociativas, a súa pretensión era representar a todas as persoas xitanas que residen en Galicia, sen distinción da súa procedencia (aínda que as súas relacións cos ciganos portugueses e cos romaneses son escasas). Mesmo chegou a empregar en público o título de “príncipe dos xitanos”. Os medios de comunicación fixéronse insistentemente eco destas afirmacións.

Será necesario reflexionar sobre as relacións entre este tipo de afirmacións públicas e a súa utilización por parte dos Medios. Sen esa reflexión ningunha campaña sobre #telebasura pode ter o adecuado fundamento.

Sen embargo, hoxe quero chamar a atención sobre a dificultade da mediación en contextos de conflito interno dunha minoría cultural, como é o caso que nos ocupa.

Hai unha aproximación de tipo étnico que afirma que son cousas entre xitanos, e que o resto non deben meterse, que os propios xitanos teñen os seus códigos e as súas normas para dirimir este tipo de conflitos. A realidade é que existen pautas culturais asumidas polas persoas xitanas que permiten unha arbitraxe razoable en caso de que os intereses de diferentes partes se enfronten nun contexto pacífico. Pero non é menos real que esas formas de arranxo internas teñen unha escasa efectividade cando o enfrontamento contén un nivel elevado de tensión. Para o caso que nos ocupa, isto estaba claro desde que apareceron as primeiras mostras de violencia, e vai alá anos.

Algunhas entidades sociais de carácter intercultural postuláronse durante anos como mediadoras. Sen embargo, durante o último lustro a penas houbo ningún intento de realizar unha mediación eficaz en contextos de conflito entre xitanos. Parece que a mediación servía para as relacións entre a sociedade maioritaria e as minorías, pero que non era de aplicación entre as propias minorías. Resultaría oportuno que os membros desas entidades realizásemos unha autocrítica a este respecto, comezando por aquelas entidades máis grandes, con máis recursos e con máis presenza institucional.

Por último, queda a mediación realizada pola fiscalía. O papel do Ministerio Público non cadra ben coa mediación, porque está máis relacionado con realizar unha acusación. Pero sería perfectamente asumible se ambas partes respectasen os acordos tomados. Unha vez que se denuncian incumprimentos, sexa isto unha realidade ou non, a fiscalía debería actuar de oficio e abrir dilixencias. O feito de que non o fixese debilita o rol da mediación.

Visto o resultado final, o asalto do domicilio de Olegario Jiménez e dos seus fillos en Tomiño, considero que existía a posibilidade de ter apelado a unha mediación imparcial e extraxudicial. E que vai sendo hora de que pensemos na necesidade de colaborar entre o mundo da avogacía e o mundo das organizacións sociais para ofrecer sistemas máis complexos de mediación que poidan ser aceptadas polas partes en conflito.

Ora ben, nunca debemos perder de vista que, cando se trata de delictos, non hai máis remedio que acudir á xustiza ordinaria. É certo que os xitanos, en ambos bandos, continúan dicindo que iso non se pode facer, que atenta contra a súa forma de resolver os seus asuntos. Pero cando está en risco a integridade física das persoas, a sociedade ten a obriga de impoñer a súa forma de resolver os conflitos, e as minorías teñen obriga de acatar esas formas institucionais de facer. Se teñen defectos, haberá que denuncialos e tratar de cambiar o que teñan de inxustas as leis. Pero a agresión, a lei do máis forte e a vinganza non son as formas que queremos para resolver os problemas, nin entre as minorías nin para a maioría social.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s