Un golpe de Estado que pagamos todos

A tentación de cambiar o rumbo dun país manu militari non foi patrimonio exclusivo dos tempos da Escola das Américas en que calquera desviación respecto dos intereses dos Estados Unidos dentro da súa área de influencia recibía como castigo un golpe de Estado.

De feito, os exércitos de diversos países declaráronse garantes do Antigo Réxime, mentres que outros aparecían como os defensores da democracia e do Estado Laico, por poñer só os dous extremos nos que foron capaces de situarse diferentes asonadas militares.

O que ten de peculiar o golpe de Estado fallado do pasado venres en Turquía é o feito de que o vello orde kemalista, fixo un último intento por evitar que o conflito de Siria e a crise dos refuxiados servise para favorecer o ingreso do país na Unión Europea mentres o goberno favorece a completa islamización da sociedade e xeneraliza a corrupción.

O fracaso do golpe, desde logo, vai ter como resultado unha maior corrupción, un menor control social sobre o goberno e un avance decidido na eliminación do Estado Laico e da separación de poderes garantida polo exército. Os militares kemalistas van perder definitivamente o control do exército, que continuará sendo poderoso nas mans dos partidarios de Erdogan. A xudicatura vai ser menos independente, e mesmo van ser purgados os seus membros islámicos partidarios de Fethullah Gülen, os que fixeran de contrapeso ao AKP, tamén islamista e conservador, pero moito máis dados ao abuso do aparato do Estado. Ademais da policía, parece que tamén lle vai tocar ser purgados a outros estamentos, entre os que non se descarta a educación. Por iso chegou a falarse dun golpe de Estado como resposta a outro golpe de Estado.

Está claro que o golpe non parou a deriva autoritaria do AKP e de Erdogan. Só que a reacción é tan autoritaria que Europa debe escoller entre frear a súa alianza e retomar o camiño do diálogo sobre a democracia e as liberdades (se queda algún convencemento ao respecto na Unión), ou modificar as súas normas fundacionais e bendicir o autoritarismo e a vulneración sistemática dos dereitos humanos.

Disimular ou falar de lexitimidade democrática xa non é unha opción.

Deixar un comentario