Política forestal?

Falaba onte co meu pai sobre a vaga de incendios que azouta Galicia estes días. Compartirei aquí as súas reflexións, antes de formular a miña propia.

Co verán máis quente desde que hai rexistros, e sen dúbida entre os máis secos do último século, que comezase o lume era cousa de tempo. Sorprende, máis ben, que non comezase antes.

As autoridades culpan por unha banda aos pirómanos, sen precisar como se produce e se contaxia esta psicose que ten unha dimensión colectiva. E, por outra banda sinalan á poboación por non coidar os montes e por realizar queimas incontroladas. O primeiro é ben certo, e merece unha reflexión pousada. O segundo cada día é menos verdade e non parece estar conectado con ningún dos focos de lume que estiveron no centro da atención colectiva durante estes días.

Pero as propias autoridades, que estableceron normas para implicar á poboación na solución de parte destes problemas, non parecen atopar un camiño adecuado para combinar prevención e extinción. E as decisións respecto dos efectivos dispoñibles (que sufriron recortes) non parecen dar os resultados esperados.

Ora ben, os montes están cheos de broza, non pasa xente por eles. E quen pasa moitas veces vai procurar leña ou árbores enteiras á dos veciños, ausentes, maiores, desinteresados… Son poucas as persoas que teñen verdadeiro interese por conservar o patrimonio forestas.

Meu pai indica que non hai nin pode haber un equilibrio entre a responsabilidade pública e a responsabilidade particular; que son os poderes públicos os que teñen que poñer os medios para comezar a cambiar a situación.

De aí a miña reflexión: o que falta é unha política forestal. Cando eu era neno aínda se falaba do monte como o capital dunha familia, como aquela forma de converter o traballo en aforro dispoñible, pero tamén en forma produtiva que se activa mediante o traballo da familia. Agora o monte descapitalizouse:  a aposta polas especies de crecemento rápido, introducido polos intereses madereiros e polas fábricas de pasta de papel, foi facendo caer os rendementos do monte en relación co traballo invertido. Hoxe os montes que contribuían de forma decisiva á vida das familias, xa non supoñen nada para as economías familiares dos propietarios na maioría dos casos. Ao meu ver, ou as autoridades públicas articulan unha cadea de valor arredor do monte e os seus aproveitamentos (enténdase unha ben diferente da que temos agora), ou os problemas van continuar e vanse agravar. E a cadea de valor ten que articularse desde o punto de vista ecolóxico, económico e de ocupación do espazo, a forma de habitar o territorio.

Advertisements

One thought on “Política forestal?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s