A medida que me fago maior, tamén me fago máis conservador. E, por iso mesmo, a miña maior preocupación na actualidade é o ascenso do fascismo en Europa e no mundo todo. Non é algo de hoxe, para min a preocupación ven de lonxe e non albisco aínda un final.
Procurando luz para a miña angueira, rematei hai algunhas semanas o libo de Sebastian Haffner Historia de un alemán, publicado por Destino. Foi un fermoso agasallo de Elena Alonso e Antonio Cardenal, que desfrutaran antes da súa lectura. Haffner trata de comprender, desde o punto de vista da intrahistoria, os motivos que levaron á maioría social na Alemaña da posguerra a aceptar o ascenso ao poder do partido Nazi e do seu histriónico líder, Adolfo Hitler. E de como ese ascenso levou á destrución dos valores sobre os que se asentara a cultura alemá ata o momento, para continuar coa destrución da convivencia, comezando polo asasinato ou reclusión en campos de concentración e do comezo da política que levaría ao exterminio dos xudeus.
Debo salientar que Raimund Pretzel, que así se chamaba en realidade Haffner, foi membro dunha familia prusiana conservadora, e que non escribe como militante de ningunha ideoloxía progresista. As súas (escasas) críticas aos comunistas son moi fondas. E parece aceptar con ironía o tráxico final da liga espartaquista, sendo consciente que na masacre comezaron os asasinatos políticos que serían frecuentes no verán de 1933 e afectarían a socialistas e sindicalistas.
A súa conciencia real do perigo nazi chega porque se decata axiña de que o boicot aos negocios xudeus do 1 de abril de 1933 e a lexislación posterior vai implantar un antisemitismo implacable que pode rematar nun exterminio. Haffner, que escribe en 1939, cando aínda non comezou propiamente a Shoah, insiste na seguridade de que se estaba a implantar unha política de exterminio, e das dificultades para a fuxida establecidas desde o comezo no novo réxime. Esa conciencia aparece porque fai prevalecer os sentimentos humanitarios, entre os que inclúe a amizade e o amor, por persoas e familias xudeas, así como por figuras públicas que son denigradas pola súa condición étnica. Insiste en que un amor pasaxeiro por unha muller de orixe xudeu dálle acceso a un nivel de conciencia que para o resto da poboación parece negado.
Recomendo esta lectura porque desde o meu punto de vista ilustra como as políticas baseadas no odio e na exclusión, sostidas por Estados autoritarios, especialmente en contextos de crise social e económica, poden levarnos a un retorno do horror. Teño a certeza de que estamos a tempo de evitalo. Pero non se non tomamos conciencia, cada día, de que a humanidade está en xogo e debemos poñernos, sempre, do lado das vítimas.