Educación intercultural e aprendizaxe do idioma en menores estranxeiros

Formación para o profesorado do CPR Pablo VI

A Rúa de Valdeorras – 14 de outubro de 2019

A demanda

A demanda dunha sesión formativa sobre educación intercultural e aprendizaxe do idioma foi realizada por Ángeles Terrón, a Orientadora Educativa do Centro, e enderezada á Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social.

O motivo da demanda é a presenza de tres menores marroquís no Centro, nos niveis educativos de 2º de Educación Primaria (EP), 5º de EP e 3ºde ESO. Os menores, que chegaron durante o mes de agosto de 2019 á Rúa de Valdeorras procedentes de Marrocos, non falan ningún idioma europeo. Tampouco existe a seguridade de que falen nin comprendan o árabe clásico nin os estándares do árabe utilizados polos medios de comunicación de Oriente Medio e polos tradutores das linguas occidentais ao árabe. Os menores foron escolarizados no nivel educativo que lles correspondía por idade, aínda que non hai ningunha evidencia de que teñan superado os niveis correspondentes. Esta situación resulta especialmente preocupante no caso do maior, que é o que presenta un desfase curricular máis forte.

Daquela, os tres elementos sobre os que o Centro Educativo precisaba un apoio específico, no ámbito da formación e a capacitación do profesorado, son os seguintes:

1. Educación Intercultural
2. Adquisición dun idioma estranxeiro no contexto de inmersión lingüística (pero sen adaptación ao devandito contexto)
3. Estratexias didácticas para o establecemento de obxectivos curriculares
A preparación da sesión formativa

Para a preparación da sesión formativa empregáronse tres tipos de elementos completamente diferenciados:

1. A experiencia didáctica doutros centros educativos e doutras entidades sociais. Como Centro Educativo con experiencia tomouse o CPI O Toural, por ser un dos Centros Educativos con máis longa e exitosa experiencia de integración de alumnado marroquí en Galicia. Como entidade social tomamos a experiencia da Fundación Bayt Al-Thaqafa, entidade membro de Red Acoge (á que tamén pertence a Asociación Diversidades) cunha longa traxectoria na escolarización de alumnado marroquí e paquistanés.
2. A experiencia da Asociación Diversidades no ámbito da realización de actividades de formación e educación intercultural, tanto no ámbito de educación de persoas adultas como no ámbito da formación do profesorado nos niveis de Educación Secundaria Obrigatoria e de Primaria.
3. A experiencia do formador co sistema educativo de Marrocos, adquirido mediante a realización de visitas técnicas In Situ con motivo da realización dun proxecto de veciñanza liderado pola Xunta de Galicia.

Co CPI O  Toural fíxose unha sesión in situ de revisión da bibliografía didáctica dispoñible, tanto de carácter específico como de carácter inespecífico (especialmente materiais de Pedagoxía Terapéutica -PT- e Audición e Linguaxe –AL-).

Desenvolvemento da sesión formativa

A sesión formativa comezou co recoñecemento de que as persoas especializadas en educación son as propias que integran o equipo profesional do Centro Educativo, de xeito que a sesión formativa non ofrece unha solución aos problemas que afrontan, senón só algunhas ferramentas imprescindibles para mellorar a súa abordaxe profesional. Ningunha persoa externa pode substituír aos mestres no labor educativo. Só que podemos contribuír nunha aplicación innovadora das destrezas e capacidades que o propio profesorado ten sobradamente adquiridas e traballados. 

Por esta razón, planificouse unha única sesión formativa que estivo estruturada en tres partes:

1. O enfoque pedagóxico
2. A abordaxe didáctica
3. A revisión da bibliografía dispoñible
O enfoque pedagóxico

No enfoque pedagóxico abordouse a necesidade de pensar globalmente a educación cando afrontamos problemas desta natureza. A primeira pregunta non é: “agora que fago?”; a pregunta debe ser: “para que quero educar”. Porque esta pregunta permite saber que o fundamental, ante o problema da comunicación lingüística e cultural entre profesorado e alumnado, é a adquisición das competencias comunicativas necesarias para a vida cotiá. A continuación sería oportuno adquirir as competencias comunicativas específicas do contexto da aula  e, por último, hai que lograr interesar ao alumnado pola adquisición de competencias profesionais a través da educación. Só unha vez logrados eses tres obxectivos ten sentido realizar un axuste entre as competencias adquiridas e o currículo académico tal como se desenvolve habitualmente.

O outro enfoque pedagóxico sobre o que se reflexionou foi sobre a Educación Intercultural. Para iso, estableceuse a diferencia coa educación colonial, pero tamén coa educación multicultural, destacando que a educación intercultural non trata de facer prevalecer a suposta superioridade da cultura occidental, pero tampouco acepta como válida calquera abordaxe cultural dos problemas. Máis ben entende que existe un marco democrático de dereitos e liberdades, e tamén de obrigas e responsabilidades que debe ser compartido por todas as persoas e os grupos culturais. E que para establecer un diálogo sobre as diferentes abordaxes culturais desde marco de convivencia cómpre desenvolver unha forma específica de empatía, á que chamamos competencia intercultural.

A abordaxe didáctica

Na abordaxe didáctica reflexionamos sobre os avances producidos na didáctica das linguas durante os últimos tempos, especialmente da man das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Pero, ao mesmo tempo, sobre o feito de que xa na antigüidade existían persoas plurilingües e formas de aprendizaxe dos idiomas relacionados co contacto intensivo con eles: o que denominamos na actualidade a inmersión lingüística. Esa estratexia debe acabar producido como resultado o pleno dominio idiomático por parte do alumnado, con tal de que se produza interaccións significativas co profesorado e, na medida do posible, co resto do alumnado. Para lograr a interacción significativa é para o que necesitamos os principios pedagóxicos desenvoltos no apartado anterior.

A outra estratexia didáctica que debe estar presente constantemente é a utilización de imaxes concretas ou de debuxos figurativos que permitan designar os obxectos ou as accións e sinalar eses obxectos ou accións de forma inequívoca. A estratexia deíctica é a máis utilizada nos contactos interculturais en ausencia de tradutores, resultando de gran utilidade no contexto da aula, e permitindo o emprego de materiais visuais pensados orixinariamente para os problemas de audición e linguaxe ou para o xogo.

Por último, entrégase un documento breve sobre os erros máis comúns no ensino da lingua española a falantes oriúndos das linguas árabes, que permite modificar ou mellorar o ensino das linguas.

Revisión bibliográfica

A sesión rematou cunha exposición de materiais didácticos editados en España durante os últimos vinte anos, cun breve comentario sobre a utilidade de cada un deles e da relación que teñen cos enfoques pedagóxicos adoptados e coas estratexias didácticas que nos parecen máis oportunas para a problemática concreta que aborda o Centro Educativo.

A Rúa de Valdeorras, 14 de outubro de 2019

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: