Marco Marchioni, na memoria

Vigo 23/03/2020

Onte morreu Marco Marchioni. Un mestre do traballo social comunitario. Para quen tivemos a ocasión de traballar con el, acaso o mestre do traballo social comunitario. Asesou o Plan Autonómico de Drogodependencias de Galicia durante os anos ’90. Jesús Morán, sendo xefe de Servizos do Plan, contratou os seus servizos para axudar a fortalecer ás diferentes entidades comunitarias que en Galicia trataban de combinar a prevención inespecífica cunha acción decidida cos grupos de risco e con aquelas persoas que precisaban unha axuda profesional e próxima para superar as adicións.

Eu xa coñecía a obra de Marco Marchioni, porque era a referencia obrigada sobre metodoloxía de Animación Sociocultural e Desenvolvemento comunitario durante os anos oitenta. Daquela non había ningunha profisión articulada arredor desas disciplinas. Pero as persoas empeñadas no que despois se chamou “Educación Social” tiñamos a abriga de adicar o noso tempo libre a estudar a obra de Marco Marchioni e a tentar de poñela en práctica nos ámbitos en que estabamos comprometidas.

Non está de máis lembrar que, na formación de Marchioni, a mesma escola impartía os estudos de traballo social e educación social como disciplinas colindantes, tan lonxe da actual diverxencia académica que, ao meu ver, non beneficia en absoluto a ningunha de ambas disciplinas e que obriga a converxer logo, na práctica social interdisciplinar, cun feixe de prexuízos corporativistas pouco favorecedores dunha interacción fecunda.

Aqueles anos do Plan Comunitario do Casco Vello de Vigo comezaron para min de xeito ilusionante, traballando canda Ricardo Costa Arribe, psicólogo e compañeiro inesquecíbel, con que completei a miña formación como profesional. Ricardo era o afortunado que podía traballar con Marco Marchioni cando viña a Vigo. Os demais, a penas podíamos participar nalgunha sesión de traballo. Pero resultaba moi estimulante saber que a metodoloxía e os enfoques que estabamos a empregar viñan dunha fonte segura e vigorosa.

A nosa experiencia rematou dunha forma pouco satisfactoria, entre outras cousas porque eu como presidente da Asociación do Plan Comunitario tomei algunhas decisións sobre persoas e sobre xestión que resultaron nefastas a medio prazo. Queda, iso si, a pretensión de crear un lugar mellor para vivir no casco histórico de Vigo. E a memoria das aprendizaxes daquel tempo a carón do mestre Marco Marchioni.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: