A carta da Pascua 2020

Cando era un rapaz, cada Domingo de Pascua saímos coa cruz florida a levar a beizón ás casas… a todas as casas da parroquia de Mondariz sen excepción. A práctica relixiosa ou o comportamento cotián de cada quen, non era relevante. O importante era a chegada da Pascua Florida (o domingo despois da primeira lúa chea a seguir do equinoccio da primavera).
Recenden aínda na miña pituitaria as lembranzas dos pisos de madeira acabados de fregar con lixivia. A miúdo era a mañá do Venres Santo a ocasión propicia para facer unha limpeza anual que incluía unha desinfección a fondo dos solos de madeira, das lareiras -onde aínda ficaban- e das espeteiras. Andar os camiños todos da parroquias, de lugar en lugar, petar a todas as portas, sentir medo dos cans, beber o viño da casa e probar o roscón, era facer parte dunha sincronía ritual que nos achega colectivamente a unha orde nova.
Non estamos no tempo de tratar de recuperar aqueles rituais dunha sociedade confesional e indubidablemente homoxénea, pola forza do poder e do costume. Afortunadamente, nestes corenta anos cambiaron ben de cousas e a cruz florida xa non vai petar á porta de ninguén… por máis que eu teña saudades de compartir flores e beizóns. Pero pode que agora sexa o tempo de remitirnos a ritos e mitos antigos, que nos axuden a proxectar o futuro.
Acaso poidamos comparar os corenta días da corentena cos días da coresma, iguais en duración e en dureza… Acaso poidamos comparar o necesario peche das nosas casas e das nosas vidas co peche do sepulcro, ou co peche dos que foxen da represión de Roma nos días da paixón de Xesús… Oxalá poidamos comparar a saída que nos agarda coa Resurrección! Sería unha boa forma de dar vida actual a mitos pretéritos, para que axuden a mover os nosos pequenos mundos na dirección correcta e a sincronizar as nosas existencias na dirección que marca a primavera.
Oxalá, porque non hai ningunha garantía de que o mundo que nos agarda sexa máis luminoso e florido. Ben poida ser máis triste e gris, máis cheo de trolas e mentiras, máis controlado desde os ollos do Gran Irmán, menos dado á liberdade e á xenerosidade. Indicios non faltan: a máquina do asexo xa está en marcha. Tamén a máquina da falsidade que crea odio e desconfianza, e que chama a voces por unha sociedade máis autoritaria e menos plural.
A Pascua feliz que eu vos desexo nesta alborada é aquela que arela unha convivencia pacífica e un esforzo colectivo a prol da saúde e do benestar, aquela que nos faga vivir máis atentos ás necesidades das demais persoas, especialmente das vulnerables, … E que nos permita soñar cun mundo onde logo dos días de morte e tristura, chega a resurrección da vida en común.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: