Os lumes de onte

Es fin de semana todo, pero especialmente a xornada do domingo, reavivaron a miña visión de que formamos parte do mesmo ecosistema de Predrogao Grande.

Non faltaron horas de pánico, nin mortos, nin desinformación da poboación nin certa descoordenación entre os equipos de emerxencia, por outra banda un enorme exemplo de profesionalidade e de servizo público.

Falta, iso si, unha revisión das nosas políticas forestais, da relación entre as especies pirófilas e o lume nos montes, da nosa relación coa terra que nos sustenta.

O-lume-desde-Meira

Advertisements

Coida o planeta

(Sobre a saída de EEUU do Acordo do Clima de París)

Paris-Deal-Trump

O pasado día 1, o presidente dos Estados Unidos de América anunciou solemnemente que o seu país abandona o Acordo de París sobre o cambio climático. Unha pésima noticia para o futuro do planeta. Pero unha boa nova para a xente que pensa que o fascismo do século XXI pode se unha boa solución para os problemas da xente. Abonda con enfrontar os intereses da clase traballadora do propio país coas desfeitas da globalización para obter a aprobación da xente desesperada polas consecuencias duns cambios que están a poñer en risco as conquistas sociais dos últimos douscentos anos.

Coido que a peor decisión que podemos tomar é aceptar que só queda abrazar o mesianismo do presidente norteamericano ou profesar a nosa fe no seu opoñente máis vigoroso, o novo presidente francés, Enmanuel Macron. Defendín que na disxuntiva entre o (novo) fascismo francés, representando por Marine Lepen, e o liberalismo de novo corte, personificado en Macron, non había lugar para a abstención, que cumpría mobilizarse para salvar á democracia e salvar a Europa. Tamén estou disposto a defender que a ética pública do presidente francés, tentando unir ao mundo arredor do acordo de París, é unha postura necesaria para o futuro da vida sobre a terra.

Pero estamos no momento en que é preciso unha mobilización xeral das persoas que pensamos que a forma de desenvolvemento actual vai levar ao colapso. E que as medidas paliativas tomadas ata o momento son insuficientes para garantir a supervivencia das nosas fillas e netas; unha mobilización na que o coidado do planeta sexa unha actividade cotiá, pero tamén unha militancia capaz de crear unha nova conciencia social e política, moito máis consciente dos nosos límites e das nosas responsabilidades.

Política forestal?

Falaba onte co meu pai sobre a vaga de incendios que azouta Galicia estes días. Compartirei aquí as súas reflexións, antes de formular a miña propia.

Co verán máis quente desde que hai rexistros, e sen dúbida entre os máis secos do último século, que comezase o lume era cousa de tempo. Sorprende, máis ben, que non comezase antes.

As autoridades culpan por unha banda aos pirómanos, sen precisar como se produce e se contaxia esta psicose que ten unha dimensión colectiva. E, por outra banda sinalan á poboación por non coidar os montes e por realizar queimas incontroladas. O primeiro é ben certo, e merece unha reflexión pousada. O segundo cada día é menos verdade e non parece estar conectado con ningún dos focos de lume que estiveron no centro da atención colectiva durante estes días.

Pero as propias autoridades, que estableceron normas para implicar á poboación na solución de parte destes problemas, non parecen atopar un camiño adecuado para combinar prevención e extinción. E as decisións respecto dos efectivos dispoñibles (que sufriron recortes) non parecen dar os resultados esperados.

Ora ben, os montes están cheos de broza, non pasa xente por eles. E quen pasa moitas veces vai procurar leña ou árbores enteiras á dos veciños, ausentes, maiores, desinteresados… Son poucas as persoas que teñen verdadeiro interese por conservar o patrimonio forestas.

Meu pai indica que non hai nin pode haber un equilibrio entre a responsabilidade pública e a responsabilidade particular; que son os poderes públicos os que teñen que poñer os medios para comezar a cambiar a situación.

De aí a miña reflexión: o que falta é unha política forestal. Cando eu era neno aínda se falaba do monte como o capital dunha familia, como aquela forma de converter o traballo en aforro dispoñible, pero tamén en forma produtiva que se activa mediante o traballo da familia. Agora o monte descapitalizouse:  a aposta polas especies de crecemento rápido, introducido polos intereses madereiros e polas fábricas de pasta de papel, foi facendo caer os rendementos do monte en relación co traballo invertido. Hoxe os montes que contribuían de forma decisiva á vida das familias, xa non supoñen nada para as economías familiares dos propietarios na maioría dos casos. Ao meu ver, ou as autoridades públicas articulan unha cadea de valor arredor do monte e os seus aproveitamentos (enténdase unha ben diferente da que temos agora), ou os problemas van continuar e vanse agravar. E a cadea de valor ten que articularse desde o punto de vista ecolóxico, económico e de ocupación do espazo, a forma de habitar o territorio.

O Planeta xa non é suficiente

Estamos a comer o Planeta?Cada ano, cando chega agosto, deixamos de consumir o que nos corresponde e comezamos a chuchar os recursos que serían necesarios para as xeracións vindeiras. Non só están mal distrubuídos os recursos entre nós. Senón que cometemos impunemente un latrocinio dos recursos que debería gozar a humanidade futura.

http://www.wwf.es/?30400/El-Planeta-entra-hoy-en-nmeros-rojos–ya-hemos-consumido-nuestro-capital-natural-para-2014

Derradeira Chamada – O Manifesto (galego)

O Manifesto (galego).

Atención: a xanela de oportunidade está a pecharse. É certo que hai moitos movementos de resistencia ao redor do mundo en prol da xustiza ambiental (a organización Global Witness rexistrou case mil ambientalistas mortos só no últimos dez anos, nas súas loitas contra proxectos mineiros ou petroleiros, defendendo as súas terras e as súas augas). Mais como máximo temos un lustro para asentarmos un debate amplo e transversal sobre os límites do crecemento, e para construírmos democraticamente alternativas ecolóxicas e enerxéticas que sexan á vez rigorosas e viábeis. Deberiamos ser capaces de gañar grandes maiorías para unha mudanza de modelo económico, enerxético, social e cultural. Ademais de combatermos as inxustizas orixinadas polo exercicio da dominación e a acumulación de riqueza, falamos dun modelo que asuma a realidade, faga as paces coa natureza e posibilite a vida boa dentro dos límites ecolóxicos da Terra.

Derradeira chamada

Nós, que nos alimentamos de detritos

Nós, que nos alimentamos de detritos

Como queira que a miña actividade profesional recente estivo vencellada á relación entre inclusión social e poboación, e como defendín que había que ser activos nas políticas que eviten un colapso demográfico en Galicia antes de mediados de século, véxome na obriga moral de dar conta deste artigo en Praza pública. No seu día non lle prestei atención. Pero un comentario do autor a propósito da cuestión demográfica (que deu varios titulares nas últimas semanas), levoume a esta reflexión. E, aínda que non teño datos suficientes como para formar un xuízo concluínte do horizonte que presenta, teño que dicir que me fixo pensar.

Quen considere que aínda non o sabe todo, que escoite! Quen teña opinións inamobibles, que non perda o tempo! E pensemos, por favor, en alternativas viables para soñar un futuro, como humanidade e como planeta!

Recuperar o sorriso para o Ártico

Para quen o queira ver, estamos aínda a tempo de salvar o Planeta en que vivimos. Para que non o queira ver, a día de hoxe a Terra non precisa de ningunha salvación… E logo será demasiado tarde. Ben; logo están os que pensan que xa non hai que facer. Para estes últimos, supoño que a idea mesma de futuro, cada día se volve insoportable. Eu esfórzome por estar entre os primeiros, porque sinto que todos temos unha responsabilidade e coido que ninguén sensato pode negar que temos un verdadeiro problema ambiental a escala mundial.

Na miña formación como cidadán ten un peso determinante aquela primeira manifestación pacífica celebrada en Mondariz logo da Transición, reclamando a fin dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica. A foxa ficaba lonxe do noso río de troitas e das nosas fontes de auga mineral, pero para o meu maxín adolescente, uns bidóns a podrecer durante millóns de anos no fondo do océano, unhas fugas máis que probables e unha contaminación nuclear chegando ás costas da Galicia do mañá, eran imaxes desacougantes. Protestar era un deber.

Máis tarde, aprendín que protestar non sempre era entrañable e xuvenil, como aquela tarde na Praza. Que había causas ben importantes que eran reprimidas con violencia; e que mesmo aquelas que poden parecer máis evidentes, que están apoiadas na ciencia e no consenso, poden ser perseguidas con dureza, a vida pode ser negada e os dereitos humanos asoballados. E que, as máis das veces, o poder e os cartos van da man cando se trata de negar as evidencias e de reprimir as propostas para salvar o lucro. Aínda que sexa a conta da vida (da morte) da humanidade vindeira.

Por iso, considero verdadeiramente alarmante a prisión incondicional e indefinida dos activistas de Greepeace acusados de piratería por Gazprom e por Rusia (entendo que nesta orde). Non é o dereito nacional ou internacional o que vai por diante. Moito menos a razón. Trátase de reprimir con dureza as voces discrepantes, para evitar a súa multiplicación. Trátase de impedir que protestar sexa un exercicio pracenteiro que contribúa á toma de conciencia. A cambio, hai que meter medo: aos benpensantes, para que se afasten do mal camiño; aos malpensados, para que non volvan inzar coas súas pancartas o ceo enxoito dos seus balances.

Para min, hoxe, é unha obriga moral ofrecer unha palabra honesta, que fale da conciencia, que pida a liberdade para os activistas do Artic Sunrise e que nos permita recuperar o sorriso do Planeta.

P.s. Segue o hashtag #FreeTheArctic30 para ver outros blogs implicados.