Facemos parte do ecosistema de Pedrogão Grande

Foi en Pedrogão Grande, e na estrada que une Figueiró dos Vinhos con Castanheira de Pêra, pero podía ser calquera das nosas parroquias ou estradas rurais. Hai un continuo forestal que vai desde as terras do Navia no Occidente de Asturias ata o Alto Alentejo caracterizado pola presenza abafante do eucalipto como especie pirófila de crecemento rápido e de rendemento nas industrias de baixo valor engadido relacionadas coa madeira (nomeadamente as de pasta de papel). O piñeiro bravo prevalece sobre outras especias autóctonas porque foi sementado e cortado como aproveitamento do monte (máis alá da súa presenza histórica) en substitución dos castiñeiros e carballos no Norte, e das sobreiras das devesas no interior e a medida que avanzamos para o Sur. Unido a isto, un despoboamento rural intenso, progresivo, imparable, que inza de matos os camiños e as estradas que unen as aldeas e os lugares.

Non debemos enganarnos. O incendio de Cotobade o pasado verán repetía unha situación de perigo que xa cobrara a vida de dúas mulleres no mesmo concello pontevedrés en agosto de 2006. É só un exemplo ao chou do que está a pasar entre nós co vento e a seca. A situación forestal de Galiza e Portugal debe mudar moito en pouco tempo para poder ter algún futuro desde o punto de vista da alianza entre a xente e o monte…

Hai un ano compartín unha reflexión en que pedía unha política forestal digna de tal nome. Do acontecido este sábado e na madrugada do domingo no distrito de Leiría, unha parte é fatalidade, non lle hai que facer. A treboada seca e os incendios fortuítos existiron sobre a terra desde moitas xeiras antes de que nós pisásemos estes pagos. Pero esta mestura entre desleixo, despoboamento e economía do lume pide unha nova política forestal.

Aínda que nada máis sexa que pola memoria dos mortos!28823234961_de699f1176_z

Política forestal?

Falaba onte co meu pai sobre a vaga de incendios que azouta Galicia estes días. Compartirei aquí as súas reflexións, antes de formular a miña propia.

Co verán máis quente desde que hai rexistros, e sen dúbida entre os máis secos do último século, que comezase o lume era cousa de tempo. Sorprende, máis ben, que non comezase antes.

As autoridades culpan por unha banda aos pirómanos, sen precisar como se produce e se contaxia esta psicose que ten unha dimensión colectiva. E, por outra banda sinalan á poboación por non coidar os montes e por realizar queimas incontroladas. O primeiro é ben certo, e merece unha reflexión pousada. O segundo cada día é menos verdade e non parece estar conectado con ningún dos focos de lume que estiveron no centro da atención colectiva durante estes días.

Pero as propias autoridades, que estableceron normas para implicar á poboación na solución de parte destes problemas, non parecen atopar un camiño adecuado para combinar prevención e extinción. E as decisións respecto dos efectivos dispoñibles (que sufriron recortes) non parecen dar os resultados esperados.

Ora ben, os montes están cheos de broza, non pasa xente por eles. E quen pasa moitas veces vai procurar leña ou árbores enteiras á dos veciños, ausentes, maiores, desinteresados… Son poucas as persoas que teñen verdadeiro interese por conservar o patrimonio forestas.

Meu pai indica que non hai nin pode haber un equilibrio entre a responsabilidade pública e a responsabilidade particular; que son os poderes públicos os que teñen que poñer os medios para comezar a cambiar a situación.

De aí a miña reflexión: o que falta é unha política forestal. Cando eu era neno aínda se falaba do monte como o capital dunha familia, como aquela forma de converter o traballo en aforro dispoñible, pero tamén en forma produtiva que se activa mediante o traballo da familia. Agora o monte descapitalizouse:  a aposta polas especies de crecemento rápido, introducido polos intereses madereiros e polas fábricas de pasta de papel, foi facendo caer os rendementos do monte en relación co traballo invertido. Hoxe os montes que contribuían de forma decisiva á vida das familias, xa non supoñen nada para as economías familiares dos propietarios na maioría dos casos. Ao meu ver, ou as autoridades públicas articulan unha cadea de valor arredor do monte e os seus aproveitamentos (enténdase unha ben diferente da que temos agora), ou os problemas van continuar e vanse agravar. E a cadea de valor ten que articularse desde o punto de vista ecolóxico, económico e de ocupación do espazo, a forma de habitar o territorio.

A praia

Samil

Viorica foi ver a praia, porque a levou Belén ao Verbum, para ver a inauguración da exposición “Vigo, cidade Babel”, sobre a pluralidade lingüística na nosa cidade. A nora de Viorica fala Romaní con soltura. E, a pesar de estar convencida da inutilidade desa destreza, a súa sogra, arrastrada polo entusiasmo de Belén, logrou que falase para as cámaras, que inmortalizaron a presenza do romaní entre nós. E hoxe fomos todos alá, cunha pluralidade só comparable á convivencia exemplar.

Pero Viorica, logo de cincuenta e dous anos dando voltas polo mundo, varios deles a pé do mar de Vigo, achegárase a ver a ría, pero nunca estivera na praia. Ficou abraiada de ver que era de balde, que a xente podía ir vestida ou espida á vontade, e que resultaba un lugar agradable no que disfrutar do mundo.

Sentiu a un tempo, a dignidade da súa cultura, dunha lingua que xa non fala de tanto negala, da súa condición de romaní, e o gozo de sentir o mar perto e gozoso, como se se ofrecese para ela por primeira vez no mundo.