O ascenso das clases medias en América Latina
O Banco Mundial, ese organismo concibido como un instrumento financeiro para o desenvolvemento dos pobos do mundo, e utilizado tantas veces para a súa dominación, ven de facer público un informe sobre o crecemento das Clases Medias en América Latina.
O documento por de manifesto esa tendencia mundial que fai esmorecer o capitalismo nos países en que foi central durante os últimos cen anos, e fortalece o seu ascenso nos que eran periferia, pero que se incorporaron activamente á economía global durante as últimas décadas. En América Latina, o WB (BM) destata a importancia da creación de actividade económica e de emprego, como explicación do advento das clases medias.
Na nosa explicación, a democratización das sociedades (tamén as diferentes formas de democracia económica fronte ás tradicionais oligarquías) e unha maior liberdade de elección do propio destino, fonte ás imposicións alleas, frecuentes desde a emancipación política, posibilitou ese ascenso.
Destacar tamén o papel da educación, a súa universalización e a inversión en capital humano, a inversión nas persoas e no seu futuro, como clave da transformación social que supón un incremento dun 50% do peso das clases medias ata converterse nun terzo da sociedade latinoamericana.
Daquela, é perfectamente posible que o capitalismo teña aínda unha longa vida durante o século que empezamos. Só que a fasquía do mundo capitalista alborea dunha forma incerta e, desde logo, diferente á que coñecemos nos tempos da Guerra Fría e dos Estados de Benestar clásicos.
Informe_Clase_Media_América_Latina_2012
Desenganchados da educación
Mariano Fernández Enguita ofrece na súa web unha interesante reflexión sobre o futuro da escolarización e da desescolarización que constitúe un contrapunto para as políticas educativas actuais, pero tamén para as reflexións sobre a Educación Para Todos que a UNESCO nos ofrece nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Defender os dereitos, procurar alternativas
Fixen folga onte; e fun á manifestación de Vigo, a máis numerosa do país. A pesar de que a folga non resolve ningún dos problemas económicos que temos como sociedade. A pesar de que é tempo de traballar arreo, procurando solucións, e non de folgar. A pesar de considerar que o goberno está lexitimado polas urnas (quer dicir, polos cidadáns) para realizar as reformas que considere oportunas, dentro do marco de convivencia vixente, para garantir a viabilidade do Estado Social. A pesar de crer que un axuste nos salarios e nas prestacións do Estado resulta inevitable neste momento.
Fun á folga e participei na manifestación a pesar de non compartir boa parte das consignas do resto de manifestantes; a pesar de considerar demagoxia e verborrea unha parte dos discursos; a pesar de considerar que as forzas sindicais contribuíron decisivamente á dualización do mercado de traballo en Galicia e en España. E que a propia dualización facilita os actuais axustes no emprego e os futuros recortes nos dereitos laborais da forza de traballo estable e sindicalizada. Tamén considero que a oposición política oscila entre un realismo moi similar ao predicado polo partido do goberno e unha utopía difícil de acadar, salvo nunha ruptura co paradigma cultural vixente, nomeadamente coa actual cultura do consumo.
Logo, por que fun á folga? Porque considero que, á par do axuste no nivel de vida e nas posibilidades do Estado Social, estamos a introducir modificacións esenciais no Pacto Social en que se fundamenta a nosa convivencia. E que esas modificacións favorecen ás grandes corporacións, na súa posición fronte a outras corporacións globais, mentres que deterioran ás clases medias, a posibilidade de construción dunha economía baseada no coñecemento, a cohesión social dos máis vulnerables da sociedade e os procedementos de toma de decisións baseados no consenso e na participación social.
Se temos que emprender un camiño fundado nos sacrificios, debemos estar seguros de que renunciará máis quen máis ten, que perderá menos quen menos ten, e que todo o mundo, de forma paritaria (unha persoa, unha voz, e non soamente un voto cada catro anos) poderá facer oír os seus intereses lexítimos, os seus sufrimentos e os seus anceios.
Defensa do Ensino Público na Manifestación de Vigo 14 N
Livro denuncia “ciganofobia generalizada” na sociedade portuguesa – Sociedade – PUBLICO.PT
Volve un dos investigadores sociais máis fascinantes de Portugal, cunha tese que leva sostendo e investigando durante anos. Unha referencia de convivencia e tolerancia, unha aposta pola inclusión e pola cidadanía.
Livro denuncia “ciganofobia generalizada” na sociedade portuguesa – Sociedade – PUBLICO.PT.
Voluntariado e crise
Alimentos e Política Agraria Común
O financiamento dos bancos de alimentos (das diferentes Fundacións Banco de Alimentos, para ser máis exactos) por parte da Unión Europea é unha das incógnitas do novo período de Planificación de Fondos Europeos e, daquela, da política agraria común.
Semella claro que na conxuntura actual, o obxectivo de que non falte de comer para a xente en Europa continúa estando vixente. Cousa diferente é que non podemos articular os medios para logralo igual que nos tempos da posguerra, a mediados do pasado século XX.
Para min hai unha ecuación difícil de resolver. Pero o seu punto medio debería ser a pedra angular de toda a arquitectura europea arredor do problema da alimentación. Dunha banda, resulta inmoral subsidiar producións que teñen competidores noutros lugares do mundo (máis ecolóxicos e máis eficientes desde o punto de vista do emprego de combustibles fósiles e pesticidas), simplemente para manter o poder adquisitivo dos labregos de Europa. Pero, doutra parte, se as poboacións rurais de Europa desaparecen, o que corre perigo é o medio natural europeo, o seu equilibrio milenario entre bosque e campo, ademais de estar en risco a continuidade do continente como produtor de alimentos.
Por desgraza, non teño ningunha fórmula máxica que permita albiscar un centro de gravidade que faga xustiza ao noso agro e ao noso planeta. E, confiarllo ás forzas do mercado e aos grupos de presión é como poñer á raposa a gardar do galiñeiro. Porque máis poderosos que os produtores son as distribuidoras, compañías multinacionais que presionan aos labregos sempre á baixa, nunha dialéctica que se achega á que Marx describía para o capitalismo do século XIX. E, non o esquezamos, teñen moita máis capacidade de levar ao borde da miseria aos produtores do Terceiro Mundo que aos votantes e cotizantes do noso contorno.
Precisamente, no medio deste tirapuxa, prodúcese a dúbida sobre a pertinencia de retirar dos circuitos lucrativos da distribución certos alimentos que son repartidos como beneficencia. Acaso o momento de sacalos de circulación sexa cando as cadeas de distribución xa non son quen de vendelos. En vez de tiralos, pódense doar ás organizacións solidarias. Precisamente estes días estivemos a presionar desde diferentes frontes da sociedade civil para normalizar ese mecanismo. Pero ata agora, a distribución solidaria está pouco desenvolta, salvo no tocante aos alimentos non perecedoiros e ao conglomerado que vai desde as Fundacións dos Bancos de Alimentos e as redes da Cruz Vermella ata as parroquias ou outras entidades de beneficencia.
Conviría realizar unha reflexión fonda sobre as dinámicas que podemos xerar, en positivo e en negativo, cunha distribución solidaria de alimentos. Porque, acaso o que estea en xogo non é simplemente o momento de realizar unha doazón de alimentos, nin o axente da mesma (a Unión Europea directamente, as compañías de distribución) senón a pertinencia de crear unha rede de distribución verdadeiramente alternativa que poida contrapesar, en prezos e en accesibilidade universal, a lóxica perversa que fai dos alimentos antes unha materia de lucro que un dereito das persoas.
O futuro inmediato das pensións
En breve, acaso en canto pasen as eleccións en Galicia e no País Vasco, o Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, anunciará o temido recorte das pensións. De momento, o noso dubitativo presidente gaña tempo en Europa para abordar as reformas pendentes (conforme á axenda da Troika) e para evitar un rescate fondo que nos sitúe ante unha recesión perenne.
Xunto cos salarios públicos, as pensións son partidas de gasto que teñen un efecto inmediato e duradoiro nas finanzas públicas. Ademais, rebaixar o gasto das pensións facilita o equilibrio das contas da Seguridade Social, tremendamente precarias desde que o número de persoas ocupadas non chega a dezasete millóns de persoas no conxunto do Estado.
Fronte a este efecto favorable para o equilibrio das contas públicas, hai que situar no outro brazo da romana tres consideracións de urxencia. A primeira, é que as decisións de gasto das familias e dos individuos, en vez de expandirse, van retraerse. En segundo lugar, as persoas maiores eran o último elo da cadea de protección familiar, e estaban retornando a fogares de fillos e netos (mesmo procedentes de residencias) para facilitar o equilibrio das contas privadas; esas mesmas contas que, a partir de agora, será aínda máis difícil facer cadrar. Por último, precisamos dun pacto para facilitar a empancipación da mocidade, dado que o principal pacto social estaba situado precisamente no ámbito oposto, na protección do último tramo da nosa peripecia vital; pero ese pacto non pode producirse se os alicerces do noso sistema de convivencia abalan e poden derrubarse en calquera momento.
Manifesto por unha sociedade intercultural
Por unha sociedade plural, unha convivencia intercultural
O pasado día 5 de febreiro de 2008, produciuse o realoxamento de 3 familias xitanas do Bao, no municipio Pontevedrés de Poio, e trasladáronse a vivir a Monte Porreiro, en Pontevedra. Estas familias foron desaloxadas dos seus fogares por unha orde xudicial, por un expediente de infracción urbanística. Os seus novos domicilios foron adquiridos polo concello de Poio, a través dun convenio coa Consellería de Vivenda, para a erradicación do chabolismo.
Ao notificarse o realoxamento das familias, os veciños de Monte Porreiro anunciaron mobilizacións. O motivo que alegaron para tales actuacións non foi a condición xitana das familias, senón que procedían dun poboado chabolista e que en devandito poboado vendíanse drogas.
Esta situación de rexeitamento das familias do Bao ven reproducíndose desde que durante o pasado mes de outubro se mobilizaran as familias do lugar de Vilarchán, en Ponte Caldelas para evitar que unha familia comprase vivenda nese municipio. Con posterioridade o rexeitamento fíxose presente en forma de manifestacións, asembleas veciñais e outras mobilizacións en diferentes parroquias dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio. Cando se levou a termo o derrubo das vivendas infractoras que ficaban en pé no Bao as familias afectadas foran aloxadas de forma transitoria nun cámping na parroquia de Portonvo, no Concello de Sanxenxo; a presión veciñal levou ao propietario do mesmo a expulsar ás familias a pouco de seren realoxadas.
A situación resultante debe considerarse grave, toda vez que Galicia é primeira Comunidade Autónoma no conxunto do Estado con maior taxa de poboación xitana vivindo en asentamentos segregados, na súa maioría en barracas ou infravivendas. Para acabar coa exclusión social asociada con esa segregación espacial cómpre facer unha aposta política polo fin do chabolismo e pola creación de espazos de convivencia intercultural en todos os barrios das nosas vilas e cidades, sen descarta tampouco as parroquias rurais.
Os discursos que mesturan o rexeitamento das drogas e o afastamento das persoas que as venden nunhas condicións de completa exclusión social, culpan dun fenómeno complexo ao derradeiro elo, o máis feble, dunha cadea de produción, tráfico e distribución da droga. En vez de sentir vergoña pola existencia deses guetos, e propoñer a súa desaparición, hai persoas e colectivos sociais que propoñen o seu reforzamento. Mesmo hai responsables políticos que dan pulo a eses discursos.
Como organizacións sociais cunha responsabilidade importante na creación de espazos de convivencia cívica e de inclusión social, queremos reclamar un consenso social e político arredor do obxectivo de eliminar os barrios segregados nos que xermolan as actividades ilícitas, para procurar espazos de convivencia. Esa eliminación dos espazos segregados supón un esforzo por parte do conxunto da cidadanía, por parte das Administracións Públicas e por parte das entidades sociais. Pero ten como horizonte unha sociedade máis cohesionada, menos conflitiva e máis pacífica.
Entendemos que resulta imprescindible rematar cos tópicos que vinculan ás minorías étnicas co deterioro dos espazos da vivenda e da convivencia, así como da delincuencia e a marxinalidade. Pero rematar con esa ecuación perversa significa dotar ao conxunto dos barrios e parroquias do noso país dunha permeabilidade social que ata agora parece estar faltando.
Por suposto que, nos casos extremos, será necesaria a actuación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, e en todos eles, a presenza de mediadores/as interculturais, de traballadores/as sociais e de educadores/as sociais que poidan garantir a convivencia e o desenvolvemento dos hábitos para a tenencia e uso da vivenda en condicións de cidadanía plena, con dereitos, pero tamén con obrigas e responsabilidades.
Pero para que os mediadores, os traballadores sociais e os educadores poidan traballar, para diminuír o nivel de conflitividade social e para incrementar a cohesión e o benestar do conxunto da sociedade, cómpre desactivar estes conflitos e denuncialos como orixe de incidentes racistas e, o que é máis grave a medio prazo, como xermolo dunha sociedade da segregación e da exclusión social, que atenta contra a nosa memoria como pobo emigrante e contra o noso futuro de benestar e de convivencia.
A %d blogueros les gusta esto: