Curso de neolectoras

Nesta acción, dirixímonos en concreto ao grupo de persoas que teñen coñecementos da lingua española cun certo manexo a nivel oral, pero na maioría dos casos con poucos anos de escolarización.  A gran dificultade coa que se atopan estas persoas e co manexo no ámbito da lectoescritura, teñen a capacidade de ler e nalgúns casos de escribir pero cunha gran dificultade, non chegan a entender con claridade os textos. Tamén é característica común a este grupo de persoas, a dificultade de cálculos matemáticos básicos como os necesarios para levar a economía doméstica.  

Estas persoas precisan unha adquisición da lingua escrita para abordar con facilidade aspectos da súa vida cotiá nos que se atopan con grandes dificultades continuamente. Entre estas, destaca a  dificultade para entender a correspondencia que reciben da Administración Pública, facturas ou comunicacións do centro educativo dos seus fillos; non contan con destreza para cubrir as solicitudes de axudas, contratos de alugueiro, reclamacións…

Datas:

1ª parte: 6 abril – 3 xuño de 2021

Horarios: martes e xoves de 11:00 a 13:00

Para apuntarse: 604 028 247 (por teléfono ou WhatsApp)

Fin de curso – Sociedade de Acollida 2021

Vigo, 5 de abril de 2021

O martes 30 finalizou a última edición do Curso de Sociedade de Acollida, onde cada unha das persoas participantes recibiu un diploma especial cunha calidade positiva destacable durante o desenvolvemento do mesmo. Foi un día moi divertido e emotivo.
Esperamos vervos moi pronto! Até o próximo curso!

cambiemos a política migratoria en canarias

Queremos facer chegar ao Goberno a nosa indignación polas graves consecuencias que a política migratoria está a ter na vulneración de dereitos humanos

Desde o ano 2014, máis de 20.000 persoas perderon a vida no Mediterráneo tratando de alcanzar o continente europeo. Diferentes mecanismos do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas sinalaron que a actual política migratoria dos países europeos é corresponsable de todas estas mortes.

O que está a ocorrer en Canarias mostra as dramáticas consecuencias das políticas de disuasión, militarización e externalización de fronteiras que se están levando a cabo, provocan que as persoas que foxen dos seus países por conflitos violentos, fame ou a pobreza crónica realicen travesías cada vez máis longas e inseguras.

O Plan Canarias, coa apertura de macrocentros con condicións hixiénico-sanitarias preocupantes e sen garantías de acollida digna, o bloqueo de miles de persoas nas illas ás que se lles impide continuar o seu proxecto migratorio e o impacto social desta situación, aproveitada por quen difunden os discursos de odio que criminalizan ás persoas migrantes, resulta un fracaso nun marco de respecto de dereitos.

Non hai escusas. As fronteiras internacionais non poden converterse en zonas de exclusión ou excepción das obrigacións dos dereitos humanos. O Goberno debe rectificar de forma urxente e inmediata a política migratoria para respectar, protexer e garantir os dereitos humanos e a dignidade das persoas.

Podes ler AQUÍ a Carta Aberta.

Accede á web de Red Acoge para asinar o comunicado como organización.

Donas da Cidade 2021

Aquí tedes a algunhas das mozas que participan os luns do mes de maio e ata o 7 de xuño no grupo de Donas da Cidade, un espazo de encontro que tenta favorecer a súa inclusión e establecer redes que lles axuden no seu desenvolvemento como cidadás no noso país.
Este grupo está financiado pola Consellería de Igualdade da #Xunta de Galicia e o #FSE
Se algunha de vós está interesada en participar, queda convidada!!!!

Novas do curso de neolectores

Na Asociación Diversidades temos o convencemento de que a metodoloxía didáctica é o mellor sistema de aprendizaxe. Hoxe, o alumnado do curso de Neolectores, financiado polo #FSE a través da Consellería de Política Social da #Xunta practicou as compras e vendas e as operacións matemáticas simples para resolver estas cuestións cotiás.

Avanzamos en Inclusión Social!

A carta do Nadal

Nesta noite fría, hai unha muller parindo nun portal. Desprazada forzosa, axiña terá que fuxir co seu fillo e o seu home. A policía anda tras dela por causas políticas que non comprendemos.

Pasou hai dous mil anos e segue pasando. Así, Deus, un dos nosos, chega á nosa vida para ficar, se o deixamos.

E nós celebramos a súa presenza facendo un mundo máis acolledor e máis humano.

Bo Nadal a todas as persoas de corazón aberto!!!

A carta da Pascua 2020

Cando era un rapaz, cada Domingo de Pascua saímos coa cruz florida a levar a beizón ás casas… a todas as casas da parroquia de Mondariz sen excepción. A práctica relixiosa ou o comportamento cotián de cada quen, non era relevante. O importante era a chegada da Pascua Florida (o domingo despois da primeira lúa chea a seguir do equinoccio da primavera).
Recenden aínda na miña pituitaria as lembranzas dos pisos de madeira acabados de fregar con lixivia. A miúdo era a mañá do Venres Santo a ocasión propicia para facer unha limpeza anual que incluía unha desinfección a fondo dos solos de madeira, das lareiras -onde aínda ficaban- e das espeteiras. Andar os camiños todos da parroquias, de lugar en lugar, petar a todas as portas, sentir medo dos cans, beber o viño da casa e probar o roscón, era facer parte dunha sincronía ritual que nos achega colectivamente a unha orde nova.
Non estamos no tempo de tratar de recuperar aqueles rituais dunha sociedade confesional e indubidablemente homoxénea, pola forza do poder e do costume. Afortunadamente, nestes corenta anos cambiaron ben de cousas e a cruz florida xa non vai petar á porta de ninguén… por máis que eu teña saudades de compartir flores e beizóns. Pero pode que agora sexa o tempo de remitirnos a ritos e mitos antigos, que nos axuden a proxectar o futuro.
Acaso poidamos comparar os corenta días da corentena cos días da coresma, iguais en duración e en dureza… Acaso poidamos comparar o necesario peche das nosas casas e das nosas vidas co peche do sepulcro, ou co peche dos que foxen da represión de Roma nos días da paixón de Xesús… Oxalá poidamos comparar a saída que nos agarda coa Resurrección! Sería unha boa forma de dar vida actual a mitos pretéritos, para que axuden a mover os nosos pequenos mundos na dirección correcta e a sincronizar as nosas existencias na dirección que marca a primavera.
Oxalá, porque non hai ningunha garantía de que o mundo que nos agarda sexa máis luminoso e florido. Ben poida ser máis triste e gris, máis cheo de trolas e mentiras, máis controlado desde os ollos do Gran Irmán, menos dado á liberdade e á xenerosidade. Indicios non faltan: a máquina do asexo xa está en marcha. Tamén a máquina da falsidade que crea odio e desconfianza, e que chama a voces por unha sociedade máis autoritaria e menos plural.
A Pascua feliz que eu vos desexo nesta alborada é aquela que arela unha convivencia pacífica e un esforzo colectivo a prol da saúde e do benestar, aquela que nos faga vivir máis atentos ás necesidades das demais persoas, especialmente das vulnerables, … E que nos permita soñar cun mundo onde logo dos días de morte e tristura, chega a resurrección da vida en común.

Marco Marchioni, na memoria

Vigo 23/03/2020

Onte morreu Marco Marchioni. Un mestre do traballo social comunitario. Para quen tivemos a ocasión de traballar con el, acaso o mestre do traballo social comunitario. Asesou o Plan Autonómico de Drogodependencias de Galicia durante os anos ’90. Jesús Morán, sendo xefe de Servizos do Plan, contratou os seus servizos para axudar a fortalecer ás diferentes entidades comunitarias que en Galicia trataban de combinar a prevención inespecífica cunha acción decidida cos grupos de risco e con aquelas persoas que precisaban unha axuda profesional e próxima para superar as adicións.

Eu xa coñecía a obra de Marco Marchioni, porque era a referencia obrigada sobre metodoloxía de Animación Sociocultural e Desenvolvemento comunitario durante os anos oitenta. Daquela non había ningunha profisión articulada arredor desas disciplinas. Pero as persoas empeñadas no que despois se chamou “Educación Social” tiñamos a abriga de adicar o noso tempo libre a estudar a obra de Marco Marchioni e a tentar de poñela en práctica nos ámbitos en que estabamos comprometidas.

Non está de máis lembrar que, na formación de Marchioni, a mesma escola impartía os estudos de traballo social e educación social como disciplinas colindantes, tan lonxe da actual diverxencia académica que, ao meu ver, non beneficia en absoluto a ningunha de ambas disciplinas e que obriga a converxer logo, na práctica social interdisciplinar, cun feixe de prexuízos corporativistas pouco favorecedores dunha interacción fecunda.

Aqueles anos do Plan Comunitario do Casco Vello de Vigo comezaron para min de xeito ilusionante, traballando canda Ricardo Costa Arribe, psicólogo e compañeiro inesquecíbel, con que completei a miña formación como profesional. Ricardo era o afortunado que podía traballar con Marco Marchioni cando viña a Vigo. Os demais, a penas podíamos participar nalgunha sesión de traballo. Pero resultaba moi estimulante saber que a metodoloxía e os enfoques que estabamos a empregar viñan dunha fonte segura e vigorosa.

A nosa experiencia rematou dunha forma pouco satisfactoria, entre outras cousas porque eu como presidente da Asociación do Plan Comunitario tomei algunhas decisións sobre persoas e sobre xestión que resultaron nefastas a medio prazo. Queda, iso si, a pretensión de crear un lugar mellor para vivir no casco histórico de Vigo. E a memoria das aprendizaxes daquel tempo a carón do mestre Marco Marchioni.

Un paseo nas ribeiras do Tea

O outono veu duro. Durante semanas só coñecemos unha choiva interminable, o ceo gris, as nubes que pasan rápido para deixar paso a nubes máis negras, a horizontes máis pechados…

Hai poucos días que cesou a choiva. As noites son máis frías e a néboa agroma do fondal dos vales, pero tamén por entre os outeiros e mesmo no alto dos montes. E a luz da mañá non adoita a poder ben con ela.

Por iso foi sorte poder pasear onte as ribeiras dos ríos Xabriña e Tea cunha luz incerta de mediodía que premitiu o sol alumuniñar os nosos ollos….

A %d blogueros les gusta esto: